A biblioteca de Schrödinger: vai ter por fin Teis unha biblioteca ou só unha sala de lectura?

Esta semana comezaron as obras de construcción da nova biblioteca de Teis, situada na rúa Enrique Lorenzo. A realidade é que o proxecto licitado é para unha sala de lectura, un espazo ben distinto a unha biblioteca.

Abel Caballero e outros concelleiros colocan a primeira pedra da presunta biblioteca de Teis | Concello de Vigo

No famoso experimento mental que Erwin Schrödinger levou a cabo en 1935 atopabamos un gato que, dentro dunha caixa pechada, estaba vivo e morto ao mesmo tempo ata que non se abrise a caixa para comprobalo. Algo semellante acontece coa presunta biblioteca de Teis que esta semana comezou a levantar o Concello na rúa Enrique Lorenzo, nun terreo que ocupaba o antigo ambulatorio do barrio.

Este edificio, ata que rematen as obras e podamos comprobalo in situ, é ao mesmo tempo unha biblioteca e unha sala de lectura. Para comprender a diferenza, o editor e escritor Manuel Bragado escribía sobre este tema na Tribuna da nosa revista de abril de 2025, dedicada as bibliotecas: “Vigo sofre un inédito negacionismo bibliotecario das autoridades locais, que identifican as salas de estudo con acceso a Internet, sen libros nin outros fondos, coas bibliotecas públicas. Doutrina coa que se abriron os espazos de estudo do Auditorio e de Navia, que, cumprindo un valioso servizo público a estudantes e opositoras, non poden entenderse de xeito ningún como bibliotecas. Abonda con consultar o dicionario da Academia para saber que unha biblioteca é un «conxunto elevado de libros destinados á lectura do público», ao que cómpre engadir o seu carácter interxeracional e a súa responsabilidade no fomento da lectura”.

Nas súas declaracións, o alcalde de Vigo Abel Caballero afirmou que haberá “un total de 86 postos de lectura” repartidos nos dous andares e “servizos necesarios para a biblioteca” na planta baixa. Insisten desde Praza do Rei en que o funcionamento será semellante ao da Neira Vilas, unha das dúas bibliotecas públicas da cidade e a única de propiedade municipal.

Desde a oposición non están demasiado convencidos con esa segunda parte. Luisa Sánchez, do Partido Popular, opina que “o proxecto construtivo que se licitou e adxudicou tan só contempla unha sala de lectura, que se dotaría con mesas e cadeiras, pero non cun fondo de libros nin cun servizo de préstamo”. O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, foi máis directo nas súas declaracións e fala de “biblioteca fake” e “dunha sala de lectura sen nada para ler”: “En lugar dunha verdadeira biblioteca o que pretende colar Caballero é unha mini sala de lectura“, pasando dos máis de 1.000 metros cadrados do antigo centro de saúde de Teis a apenas 250. Segundo o partido nacionalista, este novo espazo ten “un tamaño insuficiente segundo os estándares do Mapa de Bibliotecas de Galiza, que establecen que unha biblioteca para a poboación de Teis debería ter, como mínimo, 400 metros cadrados, un fondo de 20.000 libros e documentos, e un cadro de persoal de cinco profesionais”.

Depósito subterráneo da Biblioteca Juan Compañel, que ten en total máis de 220.000 exemplares nos seus fondos | P. Vázquez

En abril de 2025 dedicamos a reportaxe central da nosa revista a analizar o dubidoso estado de saúde do sistema bibliotecario vigués. As cifras non eran, nin son, moi esperanzadoras: tendo en conta que é a cidade máis extensa e poboada de Galicia, Vigo só alberga dúas bibliotecas públicas, mentres que A Coruña, cuns 50.000 habitantes menos, goza de oito municipais (mais un punto de servizo), unha provincial e outra autonómica. Non temos que ir tan lonxe nin a lugares tan concorridos para atopar exemplos de boas praxes: Redondela, con menos de 30.000 habitantes, ten dúas bibliotecas municipais e Cangas, con 27.000, ten catro.

A veciñanza de Coia, cuns 30.000 habitantes (máis que Redondela e Cangas), ou a de Teis, con 24.000, tería que camiñar como mínimo media hora (e outra media de volta) para tomar prestado un libro na biblioteca central. Ata a Neira Vilas aínda tardaría máis.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.