A Asociación Vigo Contra el Cáncer desvincúlase da nova carreira anunciada polo Concello

A Asociación Vigo Contra el Cáncer, que cesou a súa actividade o pasado 31 de decembro de 2025, compartiu polo Día Mundial contra o cancro un documento no que repasa a súa traxectoria ao longo de doce anos. Tamén inciden en que xa non están ligadas á organización da carreira Vigo Contra el Cáncer, que se celebra este ano co mesmo nome sen que o Concello lles consultase.

Carreira Vigo Contra el Cáncer en 2019

Coincidindo co Día Mundial contra o Cancro, a Asociación Vigo Contra el Cáncer fixo balance final da súa traxectoria e anunciou a última doazón da súa historia: un total de 51.800,95 euros destinados ao proxecto de investigación VIGO4SAR, centrado en novas oportunidades terapéuticas para pacientes con sarcomas.

XORNADA XUNTA

Esta achega, correspondente aos fondos recadados ao longo de 2025, eleva a 331.923,83 euros a cantidade total doada pola entidade á investigación oncolóxica desde a súa creación no ano 2013. O proxecto VIGO4SAR está liderado pola doutora María Mayán, investigadora do grupo CellCOM no CINBIO da Universidade de Vigo, xunto co doutor Juan Carrasco, oncólogo do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

A asociación cesou oficialmente a súa actividade o pasado 31 de decembro de 2025, despedíndose da cidade cunha carta aberta na que agradece o apoio recibido ao longo de doce anos de traballo continuado. Ademais da súa contribución económica á investigación, Vigo Contra el Cáncer desenvolveu numerosas accións de concienciación, recadación de fondos e actividades dirixidas aos nenos e nenas do servizo de Oncoloxía Pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro, incluíndo campamentos, saídas culturais e experiencias lúdicas.

Desde a entidade destacan a importancia da investimento en investigación como clave para avanzar no tratamento do cancro e mellorar a calidade de vida das persoas afectadas. A asociación despídese cun sentimento de gratitude cara á cidadanía viguesa, subliñando que, aínda que Vigo Contra o Cancro deixa de existir, os proxectos financiados continúan avanzando co obxectivo de que, algún día, esta enfermidade deixe de levar consigo tantas vidas.

Hai un mes anunciouse o circuíto de carreiras RunRunVigo, no que sorprendía a aparición da Vigo Contra el Cáncer no mes de outubro. Sorprendía porque o ano pasado a organización anunciara que cesaba a súa actividade e que a carreira do 2025, como ben inidicaba o seu título, sería a derradeira. Nunha carta aberta, a Asociación indica que “non recibiu ningunha proposta nin consulta, por parte de ningunha organización ou institución, para continuar co traballo que esta asociación desenvolveu ata a data” e, polo tanto, que só se fan responsables do “traballo realizado, das doazóns efectuadas e da transparencia demostrada ata o 31/12/2025”.

Resulta rechamante que o Concello de Vigo non fixese ningunha mención a anterior organización á hora de anunciar a carreira e, sobre todo, que utilice o mesmo nome sen consultalo previamente coa Asociación. Semella unha decisión cuestionable o feito de apropiarse do traballo exemplar ao longo de doce anos das organizadoras sen pedir permiso e sen sequera informar, por moi loable que sexa a finalidade benéfica da proba deportiva.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.