A Asociación As da Industria despídese da organización de eventos por mor das “trabas burocráticas do Concello de Vigo”
A Asociación As da Industria, con case unha década de traxectoria dinamizando o barrio próximo á praza homónima, vén de anunciar a través dun comunicado que o vindeiro 2027 no celebrará a fogueira de San Xoán nin o festival Son da Industria pola “insoportable xestión destas festas” co Concello de Vigo.

Hai case un mes publicamos en A Movida unha reportaxe na que diferentes profesionais do sector cultural denunciaban o maltrato burocrático e administrativo por parte do Concello de Vigo á hora de organizar eventos culturais. Ademais do escaso apoio económico a este tipo de propostas independentes, algunhas delas sen ánimo de lucro, todos eles laiábanse da inexplicable demora da administración pública á hora de aprobar os diferentes permisos. Esta situación causaba unha enorme inseguridade aos organizadores, que tiñan que adiantar miles de euros en cachés de artistas, comida e bebida, xeradores eléctricos, baños portátiles, persoal e todo tipo de loxística sen saber se finalmente se podería celebrar o evento.
Esta práctica vén sendo frecuente nos últimos anos con moitos eventos pequenos ou medianos que o Concello non organiza e practicamente non apoia. Algúns quedaron polo camiño, como The Wild Fest, ou como lle acaba de pasar agora a Asociación As da Industria, que veñen de anunciar que non celebrarán o San Xoán nin o festival Son da Industria no 2027: “Foi a gota que fai rebordar o vaso”, admiten no comunicado publicado en redes.
A asociación lembra que ambas celebracións naceron coa intención de fortalecer a vida comunitaria e achegar cultura gratuíta á veciñanza. “Cremos que o San Xoán é unha das moitas tradicións que manteñen vivos os barrios. Son necesarios espazos onde se atope e relacione a veciñanza”, sinala o comunicado. Tamén defende que levar actividades culturais aos barrios contribúe a evitar que parte da cidadanía quede excluída da oferta de ocio por motivos económicos ou de mobilidade.
O principal motivo da renuncia, segundo denuncian, son as dificultades administrativas ás que se enfrontan cada ano para obter os permisos necesarios. A entidade asegura que a autorización para celebrar o festival chegou apenas un día antes da súa celebración, mentres que a correspondente á fogueira foi concedida o propio día 23 de xuño, poucas horas antes do inicio previsto: “Non se pode consentir que asociacións que mobilizamos a vida social e cultural da cidade de xeito voluntario recibamos a autorización para celebrar as festas un día antes do evento, ou incluso no mesmo día”, lamentan. A asociación explica que as solicitudes foran presentadas con máis dun mes de antelación, pero que a incerteza obrigou á organización a asumir importantes compromisos económicos sen garantías de poder celebrar finalmente os actos.
No comunicado tamén critican que, nun primeiro momento, o Concello lles esixise requisitos propios de festivais multitudinarios para un evento de dimensión moito máis reducida. Esa situación, afirman, provocou unha importante carga de estrés para un equipo integrado exclusivamente por persoas voluntarias.

Ás dificultades burocráticas súmanse, segundo As da Industria, os problemas económicos. A organización calcula que o custo conxunto do festival e da fogueira ronda os 17.000 euros, mentres que as achegas públicas apenas superan os 2.800 euros anuais. O resto do financiamento conséguese grazas ao traballo voluntario da asociación e á colaboración de comerciantes do barrio.
A entidade denuncia ademais a escasa colaboración municipal en materia de infraestruturas. Entre outros exemplos, asegura que debe asumir o alugueiro dun xerador eléctrico, o custo dos baños portátiles ou a recollida dos restos da fogueira. “A única infraestrutura que nos cede o Concello para calquera das nosas festas son contedores de lixo xeral, nin sequera de reciclaxe”, afirman. A asociación tamén pon o foco no desgaste humano que supón manter iniciativas deste tipo.
“Se queremos barrios vivos temos que participar na súa dinamización”, conclúe o comunicado, que remata cunha reflexión sobre o modelo de cidade e o futuro da vida asociativa. “Temos que pensar que queremos no futuro dos barrios e cidade, se vida asociativa ou eventos privados que organicen empresas. Nas nosas mans está conformar os espazos onde vivimos”.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Sinsal vertebra a súa edición máis ambiciosa a través do Camiño Portugués e o patrimonio industrial - 8 Xullo, 2026
- Os concertos de Castrelos teñen un custo de arredor de tres millóns e medio de euros - 30 Xuño, 2026
- Do bar ao mundial: a evolución imparable do fútbol gaélico en Galicia - 29 Xuño, 2026
- O Vigo de Miguel Costas - 29 Xuño, 2026
- A Asociación As da Industria despídese da organización de eventos por mor das “trabas burocráticas do Concello de Vigo” - 29 Xuño, 2026

