A artista viguesa Macarena Montesinos colabora con The Doors polo seu 60º aniversario

A chelista viguesa Macarena Montesinos participa no vídeo coral de ‘Riders on the Storm’ xunto a dous membros orixinais de The Doors. Esta gravación, que homenaxea o legado da lendaria banda estadounidense no seu 60 aniversario, é unha iniciativa da plataforma Playing for Change, que busca derribar barreiras e unir culturas diferentes a través da música.

John Densmore, Macarena Montesinos e Robby Krieger, no vídeo

As icónicas notas de teclado, tocadas orixinalmente por Ray Manzarek en 1971, sitúannos no inicio dun dos temas de rock máis famosos da historia. ‘Riders on the Storm’. Publicada no disco L.A. Woman, converteuse na canción máis famosa da banda estadounidense The Doors, unha das máis relevantes da década dos sesenta ao outro lado do Atlántico.

XORNADA XUNTA

Nesta ocasión non estamos ante unha versión calquera. Nela participan máis dunha vintena de músicos de todo o mundo, entre eles dous membros orixinais dos Doors: John Densmore e Robby Krieger. Tamén escoitamos o teclado de Manzarek, falecido en 2013, e a voz de Jim Morrison, finado en 1971. Entre o resto de artistas atopamos, entre outros, ao teclista dos Foo Fighters Rami Jaffee, o intérprete senegalés de kora Boboulay Sissokho, os fillos de Willie Nelson Micah e Lukas Nelson, o reputado baixista Don Was e a chelista viguesa Macarena Montesinos.

A chelista conta que o convite para participar chegoulle “a través de un amigo que toca con Manu Chao” e que non chegou a ter contacto cos demáis músicos que aparecen no vídeo. A gravación realizouse nunha soa tarde, no verán de 2022, o que revela o longo proceso de mestura de audio que require unha produción que xunta a tantas persoas en lugares diferentes. O máis sorprendente é que Montesinos non recibiu partitura nin indicacións concretas do que debía tocar. “Quedamos en medio do casco vello e a tocar, confiaron en min e deixáronme improvisar”, explica a viguesa.

A Montesinos podemos vela no minuto 1:48 tocando na rúa Real de Vigo, frente ao local Tipo X. Tras o seu paso polo conservatorio, Macarena estudou Belas Artes, fixo un mestrado de investigación e creación e un doutoramento. É fundadora do colectivo HALO, compositora de bandas sonoras, integrante das orquestras OMEGA, Metamovida e Orquestra Galega de Liberación e colabora ou colaborou en numerosas agrupacións de artes escénicas, improvisación, teatro e música, como Traspielas, Límbico ou Modulador de Ondas.

O responsable desta iniciativa global é Playing For Change, un movemento e fundación creado co obxectivo de conectar o mundo a través da música, utilizando esta “linguaxe universal” para superar fronteiras e distancias entre as persoas mediante producións audiovisuais e programas educativos en comunidades desfavorecidas. No caso concreto da súa colaboración con The Doors, esta campaña ten un fin solidario, xa que os fondos obtidos axudarán a soster o primeiro programa musical da Fundación Playing For Change nos Estados Unidos, destinado a fortalecer as comunidades indíxenas en colaboración coa organización First People’s Fund.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.