A 9ª edición do GFFF homenaxea ao actor e especialista vigués Luis Barboo
A novena edición do Galicia Freaky Film Festival celebra, entre as súas actividades especiais, unha homenaxe ao actor e especialista Luis Barboo, un dos grandes descoñecidos do cinema galego e da cidade olívica. Nado en Vigo no ano 1927, Barboo interpretou personaxes como “el Rojo” no clásico Conan, el Bárbaro (John Milius, 1982) e compartiu pantalla con figuras como Clint Eastwood ou Kirk Douglas.

A homenaxe incluirá a proxección de Conan, el Bárbaro (John Milius, 1982), o martes 23 de setembro ás 22:00 h nos cinemas Tamberlick. Antes da proxección do filme, celebrarase un coloquio especial na sala Apo’strophe, baixo o título Luis Barboo: o vigués que camiñou coas estrelas. Josiño Araujo, escritor e cineasta vigués, e Miriam P. Álvarez, subdirectora do GFFF, están traballando nun documental sobre a súa figura e serán os responsables de conducir a charla. Na mesma, o público poderá descubrir detalles fascinantes da vida e carreira deste singular actor.
Luis Barboo, rexistrado ao nacer como Luis Bar Boo, formou parte dunha familia con gran peso na historia de Vigo. O seu pai, Pepe Bar, foi un dos impulsores da fusión que deu lugar ao Real Club Celta de Vigo; e o seu irmán, Xosé Bar Boo, foi un destacado arquitecto, responsable de obras emblemáticas da cidade como o Policlínico Cíes.
Barboo comezou a súa carreira artística como acróbata e especialista en Madrid, e pronto entrou no mundo do cinema participando en producións como Sandokán, el magnífico (Umberto Lenzi,1963) xunto ao emblemático Steve Reeves. En 1964, debutou como actor secundario nun dos westerns máis lembrados da historia do cinema: Por un puñado de dólares, de Sergio Leone, onde compartiu pantalla con Clint Eastwood.

Durante as seguintes tres décadas, Barboo participou en case 150 películas, moitas delas pertencentes ao xénero spaghetti western, onde interpretou viláns e secundarios de acción grazas á súa impoñente presenza física e a unha cicatriz na cara moi característica. Traballou con actores como Bud Spencer, Lee Van Cleef, Raquel Welch, Christopher Lee, ou os seus amigos e compañeiros Frank Braña e Aldo Sambrell.
Nos anos 70 tamén formou parte do chamado fantaterror español, e apareceu en filmes de Amando de Ossorio, Jesús Franco, Paul Naschy ou Juan Piquer Simón, como Las garras de Lorelei, El retorno del hombre lobo o Misterio en la isla de los monstruos. O seu particular rostro converteuno nun habitual das escenas de acción máis intensas, morrendo unha e outra vez en pantalla: a tiros, atravesado por frechas de ballesta, vítima de explosións, desprendementos de terra, infartos, lategazos, queimado vivo ou atravesado por unha espada.
Por este motivo, a homenaxe concluirá coa entrega do novo Premio Luis Barboo, que se outorgará ao actor secundario máis sufrido da Sección Oficial. O galardón darase o sábado 27 de setembro, durante a clausura do Galicia Freaky Film Festival. Con esta iniciativa, o GFFF busca reivindicar a figura de Barboo e poñer en valor o traballo dos especialistas e actores secundarios, profesionais esenciais que moitas veces quedan no anonimato.

