A 9ª edición do Galician Freaky Film Fest trae catro xoias do cinema ‘freak’ á cidade
Entre o 19 e 27 de setembro, celébrase a novena edición do Galician Freaky Film Fest no Centro Comercial Plaza Elíptica. Trátase dun evento de cinema e cultura freak que, desde o ano 2017, proxecta en Vigo unha coidada selección de curtametraxes de xénero, tanto nacionais como internacionais. Ademais da selección mencionada, a programación de actividades paralelas e o bo ambiente fan que o éxito do GFFF medre cada ano, indo máis alá do cinematográfico para converterse nunha auténtica experiencia da comunidade freak.

A temática central desta edición do Galician Freaky Film Fest xira arredor dos Mad Doctors, os científicos tolos máis lendarios e icónicos do cinema. Por este motivo, as catro longametraxes principais da súa programación son The Rocky Horror Picture Show (Jim Sharman, 1975), Young Frankenstein (Mel Brooks, 1974), Bride of Re-Animator (Brian Yuzna, 1990) e X: The Man with the X-Ray Eyes (Roger Corman, 1965). Os abonos e entradas para asistir ás proxeccións das mesmas poden adquirirse premendo aquí.
A sesión inaugural do venres 19 de setembro combina comedia e gore coa proxección de dúas xoias do cinema freak. O GFFF celebra, por unha banda, o cincuenta aniversario de Young Frankenstein, obra mestra de Mel Brooks que parodia os clásicos de terror, e, por outra banda, os trinta e cinco anos de Bride of Re-Animator, secuela de culto da icónica Re-Animator onde os límites da ciencia e da moral explotan en carne e vísceras a mans do inesquecible Herbert West.
Dous días máis tarde, o domingo 21, o público ten a oportunidade de gozar do visionamento de X: The Man with the X-Ray Eyes, filme do que tamén celebra o sesenta aniversario e que simboliza a fusión entre ciencia ficción e crítica social. Así mesmo, a sesión servirá para render homenaxe ao seu director, Roger Corman, falecido o pasado 2024 e unha das figuras máis influíntes do cinema independiente e de serie B.
A clausura do evento do 27 de setembro pretende ser unha gran festa freak coa proxección de The Rocky Horror Picture Show, que novamente celebra o seu cincuenta aniversario. O provocador musical, claro protagonista do cartel do GFFF, serve como broche de ouro logo da entrega de premios da novena edición. Ademais, conta coas sorpresas escénicas e o ambiente desinhibido que caracteriza ao festival.
En definitiva, a cousa queda así:

Young Frankenstein (Mel Brooks, 1974)
Venres, 19 de setembro ás 19:00 h | VOSE
Cines Tamberlick

Bride of Re-Animator (Brian Yuzna, 1990)
Venres, 19 de setembro ás 22:30 h | VOSE
Cines Tamberlick

X: The Man with the X-Ray Eyes (Roger Corman, 1965)
Domingo, 21 de setembro ás 21:00 h | VOSE
Cines Tamberlick

The Rocky Horror Picture Show (Jim Sharman, 1975)
Sábdo, 27 de setembro ás 21:00 h
Cines Tamberlick
Para máis información, podes visitar a páxina oficial do Galician Freaky Film Fest aquí.



