Cultura inclusiva
Afortunadamente en Vigo existen numerosas iniciativas, asociacións e fundacións nas que a inclusión, no seu sentido máis amplo, é a protagonista. Coñecemos catro delas: Diversum Concept Café, Fown Vigo, IgualArte e A Casa Rodante.
Diversum Concept Café
Para tornar o frío entramos nunha cafetería para tomar un café con leite e, como tamén hai algo de larica, tamén pedimos un bagel de lacón, tomate e queixo de Arzúa. O servizo é rápido e o produto de moi boa calidade. Este local chámase Diversum Concept Café e, aínda que poida parecer unha cafetería máis, é a única do Estado na que todo o cadro de persoal ten diversidade funcional. Con síndrome de Down, Andrea e Martín son dous destes traballadores, cuxas nais son Rita Blanco e María José Giganto, creadoras da Fundación Integra en 2001 e fundadoras deste café en 2022. «Sempre quixemos que aquilo que iniciamos tivese unha continuidade na vida adulta, e isto pasa por ter un traballo», explica Rita, que destaca as elevadas cifras de paro entre as persoas con discapacidade. «Queriamos que aquilo no que os nosos fillos traballasen tivese unha visibilidade continua», apunta. Agás o papelame e a compra dos produtos, todo en Diversum está xestionado polos nove empregados que o conforman. Malia as trabas burocráticas que dificultan o proceso, Rita detecta que esta proposta pioneira en España está a ter moi boa acollida: «O único que quero é que o meu fillo teña os mesmos dereitos e as mesmas obrigas que o resto, pero non desde a igualdade, senón desde a equidade», finaliza.
Down Vigo
Sobre integración tamén saben dabondo en Down Vigo, o centro de promoción de autonomía persoal que nace en 1989 co obxectivo de acadar a plena integración das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. Ao pé da Biblioteca Xosé Neira Vilas, no seu local atopamos catro usuarias e un traballador social colocando o nome de cada óso no lugar do corpo humano que lle corresponde. Mari Carmen está moi contenta, porque para a semana vai acudir á voda do seu sobriño Pablo en Madrid. Porén, Miriam laméntase de non ter asistido ao recente concerto do seu grupo favorito, Camela, debido ao alto prezo das entradas. O cadro de servizos da asociación abrangue un amplo abanico de posibilidades: alimentación, autonomía doméstica, cociña, comprensión lectora, deporte, envellecemento activo, expresión oral, logopedia, orientación laboral, preparación de oposicións, psicoloxía, resolución de conflitos, saúde mental, sexualidade, xestión financeira e un longo etcétera. Tamén destaca a variada oferta de plans culturais e de lecer que levan a cabo: andainas, birlos, cine, concertos, museos, viaxes a outras cidades de Galicia… «Detectamos que a sociedade continúa a infantilizar a xente con discapacidade; estas persoas teñen os mesmos desexos, soños e aspiracións que calquera de nós, pero non as mesmas oportunidades», defende Cristina López, encargada da comunicación da asociación.
Fundación IgualArte
Non moi lonxe, na rúa de Palencia, está o cuartel creativo da Fundación Igual Arte, un proxecto iniciado en 2002 por Marcos Estévez e Cristina Lago baixo a máxima de que a arte é un dereito que pertence a todo o mundo. Abrimos unha porta do primeiro andar e alí damos cos membros de Diseñatas, a sección de deseño e ilustración da fundación, creando obras novas. Unha lámina sobre as máscaras dos diferentes entroidos galegos chámanos a atención. A aula do fondo está reservada para o teatro e a danza, e pola parede fíltrase o son do ensaio do grupo de pop rock Chungo Pastel. O pasado mes de novembro estes músicos presentaron un novo tema co dúo Fillas de Cassandra, sumándose a unha ampla lista de célebres colaboradores: Antonio Orozco, Dakidarría, High Paw, Kaixo, Silvia Superstar, Wöyza ou Xermán Bugallo. Na actualidade, entre o centro de día e a actividade ocupacional, case un cento de persoas se favorecen dos servizos que fornece Igual Arte. Podemos sumar actividades como a escrita creativa, o obradoiro de xoiería ou o equipo de animación Variopinto, onde os propios usuarios traballan como monitores de ocio e tempo libre en diferentes colexios e campamentos de Galicia. Cristina afirma que o obxectivo é que as producións que desde aquí se fagan cheguen a todos os públicos, fóra do prexuízo de que tal concerto ou espectáculo fose realizado por persoas con diversidade. «Despois poderá gustarche ou non, como nos pasa a todos cando consumimos cultura», conclúe.
A Casa Rodante
E chegamos á planta baixa do Centro Comercial A Laxe, onde se abriu hai cousa dun ano A Casa Rodante, un proxecto en que a asociación de familias de persoas con parálise cerebral (APAMP) levaba ben tempo traballando. Primeiro como web e agora tamén como tenda física, esta marca engloba todas as producións de artesanía —«produtos con alma», únicos e non seriados— feitas por persoas con algún tipo de discapacidade. Traballan con cerámica, téxtil e papel, sempre abandeirando a creatividade, como apunta Jéssica Ramilo, responsable do espazo. O que se pretende, apunta, «é desvincular o que se fai de quen o fai». Isto débese a que detectaron que moitos clientes mercaban os obxectos «para axudar», como un acto de caridade, e non tanto porque o produto resultase atractivo. «É un valor engadido, pero non o principal». Unha ollada polos andeis desta singular casa confirma esta tese: a calidade, a orixinalidade e mais a plasticidade de todo o que hai está fóra de toda dúbida. E non é que o digan eles, senón que están certificados de maneira oficial: todos os talleres, formados por nove artesáns e máis de 60 aprendices con parálise cerebral e discapacidades afíns, están inscritos no Rexistro de Xeral de Artesanía. O xoves 14 de decembro A Laxe proxecta no hall un documental dirixido por Lara Capeáns sobre a historia desta iniciativa e dos artistas que a fixeron posible.
Pablo Vázquez
Redactor e fotógrafo
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024