CAMELIAS MASCOTAS

Vigo é cultura

Co gallo do 5ª aniversario desta revista, o mes pasado convocouse un coloquio que levou por título «Vigo é cultura» para o que convidamos cinco personalidades viguesas que xa pasaron por esta sección. O quinteto acudiu á chamada: o 14 de setembro, no local de Emaús e á calor dun café por cortesía de Deleite, xuntámonos con María Xosé Queizán, Antonio Durán «Morris», Pedro Feijoo, Toño López e High Paw, que falaron coa forza dun lustro.

Os participantes do coloquio no local de Emaús en Vigo. De esquerda a dereita: Morris, María Xosé Queizán, toño López, Pedro Feijoo e High Paw | Fotos: Paula Cermeño

Por que resulta tan difícil vivir da cultura?

[María Xosé Queizán] A cultura non se paga. Se queres que che arranxen calquera cousa na casa, se precisas un electricista, por exemplo, sabes que hai que pagalo. Cando as cousas pasan das mans á cabeza, estamos perdidos.

[Pedro Feijoo] Custa crer que cultura e traballo poidan caber dentro da mesma caixa. Moitas veces me dixeron: «iso de escribir está moi ben, pero de que traballas?». Dáme rabia que non haxa máis profesionalización, pero quizais pase porque como público non esteamos dispostos a asumir que é un traballo, entón igual teríamos que ver cal é a nosa responsabilidade.

[High Paw] É un concepto moi capitalista iso de separar o proceso creativo-produtivo do resultado. A xente aplaude e desfruta moito co resultado —concertos, libros, filmes…—, pero non imaxina o traballo que hai detrás. Penso que, en particular na cultura, non chega a transcender que o proceso que nos envolve leve tanto tempo.

[Antonio Durán «Morris»] Depende de se a sociedade e os estamentos comprenden que todo isto é necesario para a vida da xente. É moi difícil explicarlle a alguén que é necesario que exista o teatro para mellorar a vida: se esa persoa non ten máis coñecemento e a vida cultural de onde estea vivindo non formula esa dúbida, pensará que é importante para min, que son actor, pero que ela pode vivir perfectamente sen teatro.

[Toño López] O proceso creativo non ten un horario, non entras ás sete da mañá e saes ás catro; hai moito tempo que pasas actuando, escribindo, cantando e moito tempo tamén o botas na casa producindo a nivel mental; o proceso que implica a creación artística non se valora. Por iso é complicado facer disto un traballo, porque non temos un salario fixo nin un mes de vacacións ao ano. Movémonos noutros parámetros e penso que iso debería estar regulado porque traballamos doutra maneira. Falta regulación a nivel gobernamental, uns estatutos.

Existe a idea de que a cultura vive de subvencións. Sentídesvos subvencionados?

[PF] Absolutamente non. A min encantaríame estar subvencionado, porque iso suporía que hai unha preocupación por parte de quen ten o poder de decidir. Encantaríame que ao outro lado houbese alguén que se preocupase porque tivésemos as nosas necesidades ben cubertas.

[TL] A industria automobilística, o sector naval ou as liñas aéreas levan subvencións millonarias, e nós sentimos vergoña por recibir algo de carto do Concello, da Xunta ou de quen sexa? Nós tamén somos parte da economía desta cidade e deste país. Como tal, non me parecería mal recibir algún tipo de subvención. Non digo vivir de subvencións, porque iso quitaría un pouco de subversión e nesta vida tamén hai que ser un pouco bravo, pero polo menos non sentirte na corda frouxa e pensar que se non sacas un libro ou un disco pasadomañá, vas ter que comer espaguetes durante un mes.

[HP] Eu nin sequera pido unha subvención para o meu proxecto, pido que non se desmantele a infraestrutura que sostén o noso choio, como unha sala de ensaio ou un estudio de gravación público ao que se poida acceder. Salas de ensaio en Vigo, por favor!

Unha gran parte do orzamento dedicado á cultura en Vigo destínase a financiar proxectos consolidados. Por exemplo, este verán pagouse un millón de euros pola actuación de David Guetta en Castrelos. Que opinión tedes desta xestión cultural?

[HP] Que se lle pregunte á xente. Con orzamentos participativos, como se fai noutras cidades, calquera persoa pode facer unha proposta cultural e, unha vez feitas as propostas, a xente vota. Porque igual preguntas e a xente di que si que quere a David Guetta, pero paréceme importante preguntar.

[MXQ] Hai persoas que teñen un gusto máis exquisito e outras máis masificado, pero ten que haber para todos. Un rexedor ou a administración dun concello ten que ter en conta a toda a xente para a que goberna. Os espectáculos de Castrelos de hai anos eran impresionantes; eu vin uns balés e uns teatros marabillosos. Castrelos era un sitio onde vías cousas extraordinarias, e agora non. Igual a democracia non se entende como debería e se entende que o que lle gusta á maioría é o bo; e non é así, claro.

[TL] Penso que o que está pasando, tanto aquí como nos grandes festivais, é que se mide o éxito segundo a cantidade de xente que acode. Deberíase poñer diñeiro público en proxectos de calidade; se van cinco mil persoas, pois cinco mil que ese día aprenderon algo e expandiron a mente.

Se entendemos que a cultura contribúe ao progreso da sociedade, que opinades sobre a comercialización da cultura, que entre nos parámetros do sistema capitalista?

HP] Eu non penso facer militancia deixando de capitalizar as miñas creacións neste momento histórico de capitalismo tardío en que nos atopamos. A música materialízase no mundo de agora mesmo desde a industria musical; alén de como a escoitemos, a loxística de facer música responde a esa industrialización. Entón, ou toda a sociedade vai desmantelando a industria e o capital en xeral, ou illar a cultura desa capitalización paréceme cargar no sector cultural unha responsabilidade brutal.

[PF] Agora falas de capitalizar o teu traballo e parece que estás dicindo unha barbaridade. Claro que o noso traballo ten uns custos e claro que hai que pasar por unha parte que sexa a comercialización dese traballo, porque ao final o que queres ao publicar unha novela é que haxa vendas para que a roda xire. Cando vou falar con rapaces aos institutos, o máis atufado sempre pregunta canto cobro, e eu cóntoo. Parece que cobramos en soños de unicornio, pero os espaguetes non se pagan con iso.

Nós, que vivimos de moi preto o movemento cultural, vemos que aquí hai cantidade de grupos musicais de calidade, que xorden moitos proxectos escénicos, que o cinema galego vive un momento dourado e, sen dúbida, esta cidade é a capital editorial de Galicia. Que ten Vigo?

ADM] Na Coruña estaba a Sala Luís Seoane; en Santiago, o Teatro Galán, que logo foi do Grupo Chévere. Ambas pecharon. Aquí, contra vento e marea, a Sala Ártika e o Teatro Ensalle sobreviven e buscaron un oco dentro de programacións estatais, e é só un exemplo. Pese a todo, en Vigo segue habendo pintores que fan historias caralludas, grandes músicos… Eu cheguei a ter unha sala independente de teatro, na rúa do Carral, totalmente ocupada. Esa actitude en Vigo existe, o que pasa é que temos unha desgraza enriba, porque agora somos unha cidade de números, de récords, de bombillas e de concelleiros dun só partido.

[MXQ] Santiago é un lugar onde están os máis sabios e cultos, A Coruña é unha cidade importante, pero o que ten Vigo é a economía. Para que algo funcione, para que algo saia adiante é fundamental un diñeiro. O que ten Vigo é un poder económico superior, polo traballo que fai. Por que están aquí as editoriais? Porque se lles paga, porque hai unha economía que pode sufragalas. Esta é a cidade máis pioneira de Galicia no aspecto económico, no aspecto industrial, e é lóxico que a cultura estea nos lugares onde se pode pagar. Penso que a economía é o que fai destacar Vigo.

Un evento que se fixera en Vigo e recuperariades ou un que inventariades?

[ADM] Eu faría un festival de festivais, unha ventá aberta a todo o que se está facendo a nivel cultural. Hai público de sobra. Pero é que xa non é que teña que haber, é que se sacaron moitísimas cousas como o festival ImaxinaSons. Tamén recordo un programa que se chamaba «Vigo a escena», que levaba o teatro por todos os barrios, porque ademais temos unhas infraestruturas bestiais; hai auditorios por todos os barrios e parroquias. Temos contedores baleiros. O Teatro García Barbón ten o que ten, o Cine Fraga aí segue, e á vez hai un montón de artistas novos reclamando un local onde ensaiar. A área municipal de cultura debería estar para inventar cousas e, se non, que marchen para a casa.

[MXQ] Eu boto de menos ter lugares onde a xente se reúna; estamos moi dispersos. Quizais forma parte de como é a cidade, pero ter máis lugares de concentración, onde nos puidésemos ver, sen necesidade de ter un grupo determinado. Un lugar ao que sabes que vai a xente e vas conectar con outras persoas. Iso é o que eu boto de menos na cidade: lugares de encontro.

REVISTA NOVEMBRO

[HP] Este verán non tivemos a Festa da Virxe dos Liñares, en Oia, porque a comisión de festas anda frouxa e é un evento cultural gordo. Na programación das festas hai orquestras, pero tamén hai espazo para as bandas locais. Espero que este sexa o último ano en que non se fai.

[TL] Eu o que faría é recuperar Castrelos. Lembro ir de pequeno e que había programación todos os días, alí vin desde Luis Miguel aos Hellacopters. Con sete ou oito anos asistín a un espectáculo de luz e son que se chamaba «O corno da cabra» e aquilo era flipante, non entendía nada pero expandiume a mente. Eu recuperaría iso, que houbese máis cultura na rúa, cultura no sentido amplo da palabra, e recuperar Castrelos como espazo privilexiado.

[PF] Se tivese que escoller unha opción, non sería un acto concreto; sería a comunicación dese acto. Sei de primeira man, porque se non eu non estaría aquí, que o público está, a xente está aí esperando propostas. Unha das cousas que ten esta cidade é que está chea de xente disposta a falar contigo, a que lle propoñas calquera cousa, algo do que ser partícipes… Algo que está cambiando nos últimos tempos é que Vigo ten as rúas cheas de xente. A xente está na rúa con algo que antes non había: a sensación de orgullo colectivo, de pertenza a un espazo. O que falta é a comunicación e por iso agradezo moito que, a falta dunha instancia superior que se encargue diso, exista A Movida.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.