CAMELIAS MASCOTAS

Nuria Vilán: “Gústame ver a poesía como ‘algo’ de andar pola casa e non como un ente elevado”

Nuria Vilán Prado (ou Nuria Vil, como se coñece nas redes sociais) leva o oficio de “resitadora” tatuado na pel, e por iso reivindica o labor da poesía oral e de todas as mostras da cultura en público. Nada no lugar vigués de Santo André de Comesaña no 1993, forma parte do proxecto de poesía escénica ‘Dúas Gamberras e un Micro’, canda Vanessa Glemsel.  Así mesmo, crea contidos na canle ‘Coidado coa cadela’ e xestiona un perfil na plataforma de mecenado Patreon. Formada en estudos relacionados coa lingua e a literatura nas universidades de Vigo e Compostela, tamén integra a plataforma de crítica literaria feminista A Sega e colaborou en proxectos de carácter multidisciplinar, como a marca de roupa ourensá Salsa Gaucha.

Simún é o seu primeiro libro, que se publica en Chan da Pólvora, e que supón unha reivindicación da poesía oral e falada.

De onde nace a túa paixón pola poesía?

Supoño que do feito de vela como unha arte híbrida … Hai milleiros de cousas que non me gustan da poesía, dos estereotipos e normas da poesía, máis ben (como en todo!), e por iso o meu xeito de achegarme a ela está influenciado polos contacontos, o cinema, a música en xeral, o teatro … De sempre me gustou vela como “algo” de andar pola casa e non como un ente elevado. Creo que ten un poder evocativo e de conexión co público enorme.

Vés de publicar o teu primeiro poemario, que se titula Simún, e no que homenaxeas ás mulleres bravas que che aprenderon a berrar. De onde parte este título e que máis imos atopar nestes versos?

Agradézoche moito que o interpretes así! Eu buscaba retratar a violencia de formas diversas … De atravesar a rabia. Nesa primeira parte de boto de menos ir de rave quería xogar coa nostalxia, a incapacidade xeracional de lidar coa dor e os sentimentos, a idea da rave como unha experiencia conxunta, unha especie de viaxe estática e iniciática que remata coa fala e os sentidos alterados.

O título foi idea do editor, Antón Lopo, chegou con esa suxestión do vento abrasador e eu acollina encantada; fai referencia a unha treboada quente e seca que se dá nos desertos do Sahara, Palestina, Jordaria, Siria e Arabia… Ten moita relación con declaro deserto, a última parte de Simún, que penso que está moi definida por esa sensación de asfixia quente.

Os versos do poemario están ateigados de viveza e son case coma proclamas para ler en alto e ben forte. Entendo que aquí tería moito que ver a túa experiencia na improvisación oral, non?

De forma inconsciente os versos saen en voz alta, si … Apenas escribo e levo todo na cabeza, así que artellar o libro foi un reto para min. No resitado podo ir mudando as cousas, aquí non, non hai un xesto nin unha flexión diferente na voz, o poema queda aberto á interpretación de cadaquén na súa intimidade; isto para min supón tamén cedervos o control e é algo ao que non estou afeita, nin ao rexistro escrito nin a darvos a posibilidade de lerme, vaia! Sempre traballei con material gravado, con CDs autoeditados, vídeos … Está a ser unha experiencia ben interesante ensinarvos o universo de Simún. Alégrame que percibas que antepoño a oralidade porque é certo!

De que forma se imbrica a poesía que se recita en festivais poéticos e esta outra publicada en libros?

Penso que non hai xeito de separala: a unha vai da man coa outra. De feito a segunda parte, “da cinsa e do incendio”, recolle algúns poemas que me veñen acompañando no oral desde hai anos … Quen siga o meu traballo botará de menos algúns, claro, pero a min gustaríame que queden aí de memoria, que non teñan rexistro (aínda que moitos xa estean en YouTube e gravacións).  Pódeme a maxia do efémero porque son unha persoa ben intensa hahaha! Ademais, aceptei o consello de Iris Cochón, a correctora, de eliminar un par deles para non restar entidade ao libro e eu son partidaria, nestes casos, de restar e non de sumar.

Por que publicas agora este libro, tras tantos anos na poesía oral?

Antón Lopo fíxome a proposta de publicar algo en 2018… Para min nunca foi un obxectivo chegar a publicar un libro, de feito era algo que me producía un enorme sentimento de baleiro ao falar con algunhas persoas que entenden a poesía escrita como superior á oral; como se resitar non abondase! Eu non quería escribir libros, quería que a xente escoitase o que tiña que dicir!
Foi moi interesante o proceso que buscar a voz escrita, estou contenta co resultado e gocei moito. Boto en falta ir de rave foi mudando moito nestes anos, non acababa de verlle estrutura ata que comecei a falar con Olga Martínez (compositora de música electrónica) sobre como levar ese universo a escena … Aí comecei a velo claro: as coordenadas, as cores, os sons … O mesmo co Deserto, está tremendamente influenciado polo meu fetiche coa imaxe analóxica, o noise, a novela negra, o cine gore … Son dous universos completamente diferentes.

A avoa Carme está moi presente nos versos de Simún, e mesmo semella unha musa para ti. Quen é?

A Crespa de Comesaña está presente na primeira parte, boto de menos ir de rave, si! Hai unha Súper Carme polo medio que leva o mesmo nome de forma casual e coa que compartín cuarto en Povisa.  A Crespa foi unha muller que fixo o que lle deu a gana desde que eu teño memoria: para o bo e para o malo. Foi ruín, a primeira en sinalarme as unllas longas e os beizos pintados, en pedirme explicacións de non ter mozo, de non chegar á hora, de camiñar soa … Tamén a primeira en dicirme resitadora, iso si! Enfermou e o seu falecemento supuxo unha catarse na miña vida, como na de tantas outras persoas a morte de súa avoa, vaia. A idea da musa inmóbil non me atrae, pero é certo que mapear o seu recordo, literalmente, foi liberador. No libro non está tan só esa perda, senón moitas outras, a da infancia, da fe … Eu creo desde o vivencial e esta é unha idea que expoñen á perfección Rocío Martínez Rodríguez (compiladora oral) ou Aranxa Vicens (escritora e creadora): tomo como punto de partida as miñas experiencias para crear unha memoria colectiva na que me vexa representada. Artellando as coordenadas, fun consciente de que o galego que teño máis próximo pronúnciase con seseo e gheada, por exemplo, e de que será como un novo cambio lingüístico integralo na miña vida para superar os prexuízos. De feito todo o libro, desde que aparece representada na escrita, pode lerse dese xeito. Como un ruído xordo e reparador … De aí o ruído rosa, que é terapéutico!
As avoas e nais son un grande símbolo xeracional, eu quería darlle unha voltiña para rexistrar  un dó do que non atopaba referencias: un dó luminoso, de ritmos lisérxicos, de luces estroboscópicas e artificiais … Un dó de celebrar a memoria en lugar de sepultala.

O teu poemario é moi feminista, porque reivindica o poder e a visibilidade das mulleres das que nunca antes se falara desta forma, e nese sentido seméllase a outras propostas que xermolan na actualidade, como Feliz Idade, de Olga Novo, ou Camuflaxe, de Lupe Gómez. Por que cres que xorden agora estes poemarios? Influíronche dalgunha forma á hora de crear?

Todas elas son referentes innegables; no intre en que comecei a sentirme máis conectada coa literatura foi precisamente ao descubrir esta corrente de mulleres a escribir e describir a realidade. Marga do Val insiste na necesidade de reescribir a historia para inscribirnos nela. Formar parte d’A Sega (espazo literario feminista) evidentemente define a miña forma de posicionarme na oralidade e na escrita. Desde que comecei a ter conciencia feminista leo a todas elas. Compartir espazos con autoras cun discurso comprometido é liberador.
Véxome moi marcada por artistes que están fóra das vías hexemónicas, que se autoeditan, que se autoproducen; de Nee Barros (escritore e creador de contidos), por exemplo, intento absorber como unha esponxa. En moitas ocasións sinalamos referentes de xeracións que nos superan en idade, pero para min é igualmente importante atopar modelos cos que identificarme nas que veñen detrás e poden abrirme os ollos en moitos sentidos

Fálase dunha idade dourada da poesía no país coa eclosión de moitas novas voces. Que pensas desta idea? Como ves ti o panorama?

Creo que aínda hai moito por facer até abandonar o canon hexemónico cis, hetero e branco da literatura. Eu vivo nunha burbulla … Na miña burbulla precaria cremos na autoxestión, temos interese no anticolonialismo, no antiespecismo, no anticapacitismo e en novas formas de tecer vínculos relacionais, sobre todo en revisar os nosos privilexios; isto, por suposto, reflíctese nos contidos que eu consumo, pero non creo que sexa representativo do que chega ao público xeral. Desde o meu punto de vista, a sociedade está a tardar moito en dignificar o colectivo lgtbia+. Estamos tardando moito en revisar o noso racismo e os nosos privilexios. Isto inclúe a literatura, claro, que non é máis que un reflexo.


As redes sociais son para ti unha gran canle de comunicación e de visibilización do teu traballo, e de feito ti xestionas un perfil en Patreon. De que forma o xestionas e que contidos ofreces para as persoas que o apoian?

As redes sociais mudaron a miña vida! Desde que comecei a velas como un xeito de conectarme e de amosar as miñas creacións e non como un lugar horrible e artificial, fun principiando relacións con artistes afíns a min. Abrín Patreon sen saber moi ben que ía acontecer nun intre no que estaba (e estou) nunha situación de precariedade absoluta. Busco dignificarme. Creo que  os cartos seguen a ser un enorme tema tabú. Amosar esa vulnerabilidade e ser sincera con respecto ás miñas circunstancias está facendo que as persoas empaticen comigo e non por pena, senón por decatarse do traballo que hai detrás de saír ao escenario. Agora mesmo teño 17 mecenas que aportan entre 1 e 10 mensuais, un total de algo máis de 50€ ao mes ao restar os impostos que me axudan moitísimo a tirar de forma autónoma. As cotas non fan máis que subir, pero é complexo manter o caché sendo artista descoñecida na era pos-COVID. Que isto non soe lastimeiro, que non o é… É realista!

A miúdo reivindicas a necesidade de que as mulleres poidan ter dereito a posuír os seus propios corpos, tamén os espidos. Como chegar ao conxunto da sociedade e cales son as claves?

Creo que é un labor moi lento e nuclear: debera comezar na infancia. O ano pasado deixouse pasar unha oportunidade marabillosa de facer didáctica a obra de Xela Arias (galardoada coas Letras Galegas 2021). En Tigres coma cabalos (Xerais, 1990) ela e máis Xulio Gil traballaron coa fotografía e o espido artístico. No libro hai corpos nus diversos e xa no intre en que saíra do prelo evidenciárase a falta de respecto total á obra. Estamos no intre do #EuTamén e do Só si é si, pero hai unha enorme maioría social facendo bromas ao respecto …

REVISTA NOVEMBRO

A editora defínete coma unha das figuras máis admiradas e imprevisibles da actualidade. En que cres que se basea esta idea?

Eu creo que a editora vende a moto dunha forma marabillosa! Bromas aparte, o que a min me gustaría é que a versatilidade que levo anos amosando se traduza en dignidade laboral. Sempre levei a palabra falada en galego a proxectos diversos con danza, música e audiovisual que o público acolleu da mellor maneira. . É máis exótico pensarme como unha creadora imprevisible que como unha persoa que bota man de tódolos seus recursos para chegar a fin de mes.

Esta sección é posible grazas á colaboración de Deleite