O fotógrafo Víctor de las Heras publica un libro sobre miles de mulleres en loita
O fotógrafo vigués Víctor de las Heras, famoso por retratar os anos 80 na nosa cidade, publica o seu segundo libro, Muller en loita, un conxunto de fotografías sobre as loitas sociais das que as mulleres foron protagonistas na última década, desde o 8M ata a emerxencia climática. Unha abundante escolma de mulleres co puño en alto sacada á venda por Editorial Galaxia coa axuda do Ministerio de Cultura.
Madonna sobre o escenario do estadio de Balaídos, vestindo a camiseta do Real Club Celta, é seguramente a imaxe máis recoñecible do cronista gráfico vigués Víctor de las Heras. Era xullo de 1990 e Vitín, como todos o coñecen, levaba xa unha década retrantando a Movida viguesa, unha época de efervescencia nocturna que para o fotógrafo supuxo unha “lúa de mel coa cámara”. Trae con él unha listaxe de varios folios nos que aparecen nomes como BB King, Prince, os Rolling Stones, Cicciolina ou Lemmy Kilmister e que atestiguan a relevancia de todo o que ten vivido cámara en man.
Ademais de grandes estrelas internacionais, moitas bandas locais e galegas foron fotografiadas por el por primeira vez, pois conta que nas últimas décadas do século pasado, a súa “máquina” o acompañaba a todos lados, con independencia do lugar, hora e actividade a realizar e mesmo lle servía de chave de entrada a lugares nos que seguramente non tivera estado. “Tiven moitas veces a sensación de que só me invitaban para que fixese as fotos”, bromea. Neste sentido confesa que a democratización da fotografía coa chegada dos móbiles supuxo un alivio para el, “liberoume de ser obligatoriamente o fotógrafo”, di cunha mestura de alegría e nostalxia do proceso artesán que supuña hai só unhas décadas este oficio.
Malia ser coñecido como a cámara da Movida viguesa, esta non é a faceta que máis representa a Vitín. “Eu son activista social”, di convencido. E para mostra, os centos de fotografías coas que deixou testigo das protestas da reconversión do metal e o naval na cidade de Vigo, a súa estancia en Brasil visibilizando a miseria ou o libro que acaba de publicar na Editorial Galaxia: Muller en Loita, unha recompilación de centos de fotografías que o reporteiro tomou en protestas sociais desde o ano 2000. “Nos 80 as manis eran moito máis violentas. Había que estar esperto ou te caía unha hostia”, lembra. Tamén o oficio de fotoxornalista de manifestacións era diferente, pois “a xente non quería fotos, mentres que agora posan orgullosas”.
En Muller en loita están, por suposto, as mareas violetas e as marchas do 8-M, pero o fotógrafo tamén quixo retratar o papel protagonista das mozas nas protestas estudiantís ou as concentracións pola emerxencia climática. De feito, recoñece, centrarse nas mulleres non era a súa primeira opción.”Quería facer un retrato da crise económica e social desde 2010 e nas primeiras fotos que seleccionei todas as que suxeitaban a pancarta da cabeceira eran mulleres. Aí cambiei a visión do traballo e fun consciente de onde estaba o verdadeiro cambio e empoderamento social“. O obxectivo de Muller en loita non é só o de ensinar a loita feminista. Quere deixar constancia de que as mulleres canalizan moitas das loitas sociais de hoxe en día. “Son unha escola de cidadanía e compromiso. De sintonía coas vagas de cambio que avanzan”, en palabras de María Xosé Porteiro, autora do prólogo de Muller en loita.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024