CAMELIAS MASCOTAS

Vigo apenas conta con proxeccións en versión orixinal

A nosa cidade alberga un número bastante amplo de espazos onde gozar do cinema. Desgrazadamente, se es dos que prefiren ver as películas en versión orixinal con subtítulos (VOS), a oferta redúcese de maneira preocupante: só o Cineclube Lumière e os Yelmo, os martes, ofrecen este “luxo” audiovisual.

Frances McDormand nun fotograma de Nomadland, de  Chloé Zhao

A dobraxe instaurouse en España na década dos 30 do século pasado, e utilizábase principalmente como ferramenta censora. Se algunha personaxe dicía algo considerado inapropiado, cambiábase o diálogo e ninguén se decataba. O Franquismo continuou esta tendencia e, na actualidade, mantémola por inercia e por costume. Hai quen di que Robert de Niro é un grandísimo actor e nunca escoitou a súa voz. É como se queres escoitar unha canción de Bruce Springsteen e aperece Melendi cantándoa en castelán. Soa ridículo, pero vén a ser o mesmo. Deixamos para outro día as curiosas traducións dos títulos das películas ao castelán. Non temos que marchar moi lonxe para tomar nota de como se deberían facer as cousas: en Portugal todo o cinema, agás o de crianzas (que mantén ambas opcións), está en VOS, o que acaba por xerar un maior respecto á profesión actoral e un maior dominio doutros idiomas como o inglés.

REVISTA NOVEMBRO

Desde que os Multicines Norte pecharon (temporalmente, esperemos) as súas portas en marzo do ano pasado, ningunha outra sala da cidade ofreceu de maneira habitual películas con subtítulos. E iso que temos catro: Gran Vía, Travesía, Plaza Elíptica e Salesianos. Outras cidades notablemente máis pequenas, como Santiago ou Ferrol, contan con salas independentes como Númax e Dúplex, respectivamente, que avogan por un cine menos mainstream e máis variado.

O último bastión da versión orixinal actualmente é o Cineclube Lumière, onde cada luns ás 19:00 proxectan no auditorio do Concello un filme independente no seu idioma orixinal con subtítulos en castelán. O mesmo ocorre cos filmes programados pola Alliance Française, unha vez ao mes no mesmo espazo. Durante abril, tamén neste auditorio, os Amigos de la Ópera organizan un ciclo de cine en VOS cunha proxeccións cada martes ás 19:00. Por último, os Yelmo do CC Travesía ofrece cada martes algunhas sesións subtituladas: este día 20 poderemos ver Nomadland, Otra ronda e Godzilla vs Kong.

Como é habitual neste tipo de certames, os festivais de cinema sempre apostan pola VOS, como é o caso do Primavera do Cine, o Galician Freaky Film Festival ou o Festival de Cine Inclusivo. Por mor da pandemia todos eles terán lugar en setembro, polo que estes meses só temos dúas opcións: botar man de Netflix ou aceptar que De Niro e Al Pacino teñen a mesma voz.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.