CAMELIAS MASCOTAS

Caspervek musicalizará ‘A carreta pantasma’ na inauguración do GFFF

O Galician Freaky Film Festival iniciará as súas actividades o 28 de outubro coa musicalización en directo de A carreta pantasma, da man de Caspervek Ensemble, e continuará coa proxección de Nimic, do aclamado director Yorgos Lanthimos. Este ano o certame celebrarase na Sala Overlook, no hotel Bahía, un espazo máis amplo para garantir a seguridade de todas as persoas asistentes.

Caspervek na pasada edición do GFFF | P. Cermeño

Caspervek Ensemble, con Brais González ao piano e á dirección, Blas Castañer á percusión, Erea Carbajales ao violín, Tonio Comesaña ao clarinete e Ainara González á trompa, serán os encargados de poñer a banda sonora en directo á un verdadeiro clásico do cinema: A carreta pantasma (1921), de Victor Sjöström. Esta xornada inaugural, que terá lugar o mércores 28 de outubro na Sala Overlook (Hotel Bahía), completarase coa proxección de Nimic, a última curtametraxe do director grego nominado aos Oscars Yorgos Lanthimos, que vén de ser proxectada en Locarno e Melbourne.

Volvendo a A carreta pantasma, trátase dun referente para Stanley Kubrick, autor de El resplandor, cinta homenaxeada nesta nova edición do GFFF. A obra goza de gran relevancia na historia do cinema xa que foi pioneira no uso de técnicas fílmicas nunca vistas, coma as dobres exposicións ou as elaboradísimas composicións que amosan o minucioso traballo de Julius Jaenzon á fotografía.

Caspervek estreou esta obra en Poznan (Polonia), sen embargo, a versión que será estreada en España nesta ocasión será ben diferente, unha nova versión para quinteto da partitura orixinal de 2015. Esta composición de Brais integra ademais dous temas folclóricos suecos dentro do xa propio universo e estilo Caspervek.

Na gala de clausura, o sábado 31, os asistentes terán ocasión de desfrutar dunha estrea mundial: Devorados por la noche, de Óscar Doviso. O filme, situado nos anos 80, contará o que lles acontece a un cantante dunha banda de rock e o seu grupo logo dun concerto. Podes consultar aquí o resto de curtas programadas dentro do festival.

REVISTA NOVEMBRO

Debido a actual crise sanitaria e para facilitar a xestión e os trámites, as entradas estarán unicamente dispoñibles a través da web do GFFF. Neste sentido, os asistentes terán a opción de mercar un abono VIF, con acceso a todos os pases e actividades do certame ou escoller unha entrada para a inauguración. Ademais, ao ter un aforo moi limitado, existirá a posibilidade de ver a sección oficial online, podendo facerse co billete correspondente na web.

A maiores, onte anunciaron nas súas redes sociais que o xurado estará conformado por Lois E. Froiz, David Fidalgo Omil e Brian Rodríguez Cortiñas, quen serán os encargados de escoller as curtas gañadoras das seguintes categorías:

– “Gran Premio GFFF” á curtametraxe máis freak.
– “Premio CREA” (CREA Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización) á mellor realización.
– “Premio Neuronas Fritidas” á curtametraxe máis turbia ou extrema.
– “Premio Ben Dito” ao mellor guión.