CAMELIAS MASCOTAS

O MARCO inaugura a maior exposición do fotógrafo Manuel Vilariño

Seda de cabalo é a maior de cantas exposicións se realizaron ata esta data de Manuel Vilariño, fotógrafo e poeta, Premio Nacional de Fotografía 2007. Unha mostra comisariada por Fernando Castro Flórez, que revisa a súa traxectoria a través dunha selección de obras (fotografías, instalacións, vídeos, e tamén unha parte da súa produción poética) desde 1980 ata a actualidade. Poderase visitar ata o 10 de xaneiro de 2021. (Fotos: P. Vázquez)

Atendendo a unha orde máis formal e conceptual que cronolóxica, a selección de obras e a súa disposición en salas responde á vontade de manter esa continuidade poética, temática e ambiental que dá sentido ao percorrido e a toda a obra de Manuel Vilariño no seu conxunto. Así, a montaxe que se articula nas salas do MARCO lévanos dende a súa particular ollada sobre os animais, e a súa reinterpretación da esencia dun xénero clásico como o do bodegón (Vilariño como grande mestre da natureza morta), á súa visión da paisaxe, intimamente relacionada coa melancolía, nun diálogo permanente e sutil entre a vida e a morte.

REVISTA NOVEMBRO

As series correspondentes aos anos oitenta e noventa — aves, caveiras, e bestiarios, incluíndo os seus célebres polípticos (Los PájarosCabezas/Sueños)— abren unha primeira fase do percorrido. Destaca a forza de Bestias involuntarias, serie de fotografías en branco e negro nas que os animais nos miran de fronte, retratados xunto a ferramentas, nunha ensamblaxe entre o máxico e o cotián, entre a natureza e a intervención humana.

Como peza central da mostra, e nese xogo de transición desde o branco e negro, a cor fai a súa aparición en Paraíso fragmentado. Unha obra emblemática, fermosísima, un mosaico de naturezas mortas composto por quince fotografías nas que un paxaro, un lagarto ou unha serpe xacen inertes, creando entre todas as imaxes unha composición única e impactante.

Como apertura e peche deste percorrido circular pola obra de Vilariño, é fundamental a presenza da poesía: os fragmentos dos seus libros de poemas Ruínas ao espertar, e Animal insomne, que acompañan ao visitante dende as escaleiras de acceso á mostra; e unha selección da serie de haikus escritos durante o confinamento —obra inédita que leva por título Elogio del confín— que completan e, á súa vez, son parte integrante das súas fotografías. Neste aspecto afonda tamén o vídeo que se proxecta na sala do vestíbulo principal do MARCO, e no que o artista, en acción e contemplación, fala sobre o seu proceso creativo.