CAMELIAS MASCOTAS

O director vigués Alberte Mera saca a Moncho Reboiras da clandestinidade

Reboiras. Acción e corazón chega aos cines galegos cando se cumplen 45 anos do asasinato a mans da policía franquista de Xosé Ramón Reboiras Noia, que con só 25 anos pasou a convertirse nun dos mártires insignia do nacionalismo galego. O director Alberte Mera parte de Reboiras para construír na gran pantalla o retrato de toda unha xeración que loitou contra o réxime desde o eido educativo, cultural e sindical.

Momentos da rodaxe de Reboiras. Acción e corazón | Foto: P. Cermeño

Foi na madrugada do 12 de agosto de 1975 cando a policía da ditadura franquista asasinaba en Ferrol o dirixente da clandestina Unión do Povo Galego (UPG),  Xosé Ramón Reboiras Noia. Nesa mesma data e cidade, pero 45 anos despois, estrearase o filme Reboiras. Acción e corazón que percorrerá despois unha ducia de salas galegas ata chegar a Vigo en setembro.

O filme é o resultado dun ano de traballo de investigación, no que o seu director entrevistouse cos protagonistas do relato. Ata 29 persoas aparecen no filme relatando a actividade política e sindical que levaron a cabo, reivindicando e recoñendo a toda unha xeración de persoas que traballaron para ofrecer solucións económicas, políticas e sociais á clase obreira galega. Todas elas coñeceron a Reboiras de primeira man e o seu testemuño serve para construír a historia do ausente protagonista: desde a infancia, pasando pola súa mudanza a Vigo, os anos de instituto, a afiliación a Fronte Cultural e UPG, o paso a clandestinidade e, finalmente, o seu asasinato depois de ser perseguido polas rúas de Ferrol o 12 de agosto de 1975. Ademáis, o filme tamén recolle o testemuño de quen seguiu loitando unha vez morto Reboiros, ben desde o exilio, o cárcere ou os tribunais.

REVISTA NOVEMBRO

Alén de entrevistas, o documental apóaise en materiais de arquivo da Filmoteca Nacional e imaxes extraídas de álbumes familiares, así como en escenas de ficción. Estas últimas foron gravadas durante dúas xornadas en Arzúa e Santiago de Compostela e suplen a falta de metraxe dos momentos clave da historia: o paso á clandestinidade de Reboiras, acompañado do cambio de imaxe no que se colocou o abundante bigote co que é coñecido hoxe en día e que non era outra cousa que unha estratexia de camuflaxe; e a fuxida polas rúas de Ferrol, que acabou co lider sindicalista tiroteado nun portal da vila. Nestas escenas Reboiras é interpretado polo actor coruñés Dani Celester.

Alberte Mera (Vigo, 1987) é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, con especialidade en Guión e Dirección Audiovisual, ten un mestrado en Comunicación e Industrias Creativas pola Universidade de Santiago e outras catro películas no seu currículo como director, ademáis de adicarse ao xornalismo e a consultoría de counicación. Reboiras. Acción e corazón é o quinto filme documental que dirixe após as curtametraxes Camiño da Memoria (2011)Deixádeas Pasar (2012) e as longametraxes Clamor da Terra (2012) Lume Novo (2013), as dúas últimas tamén producidas pola Fundación Terra e Tempo e publicadas en libro-DVD e todas elas coa identidade galega e a loita obreira como tema principal.

Teremos que esperar ao 18 de setembro para poder desfrutar de Reboiras. Acción e corazón na nosa cidade, que será exhibido por primeira vez como pase especial dentro da programación do Festival Primavera do Cine, no que estará presente o director para iniciar o coloquio unha vez pasado o filme. Para ir facendo boca, a Fundación Terra e Tempo, impulsora do proxecto, publicou un avance da película en forma de tráiler, no que se poden ver anacos das secuencias ficcionadas, así como das entrevistas.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.