Os taxis achegan o Nadal ás residencias da cidade
A Cooperativa Central Radio Taxi volveu a dar onte unha lección do verdadeiro espírito natalicio, recollendo a todas as persoas das residencias que o solicitaron para achegalas ao centro da cidade para que gocen da iluminación e da decoración. Sobre medio centenar de taxis, incluídos os vehículos adaptados para persoas con discapacidade, recolleron de maneira gratuíta e altruísta a case 200 anciáns de todas as residencias das cidade.
Alfredo foi un dos moitos taxistas que onte se achegaron ás diferentes residencias da cidade para darlles unha alegría aos seus inquilinos. El encargouse de traer desde a Residencia Santa Marta, en Alcabre, a José Antonio, toledano afincado en Vigo desde hai máis de 50 anos; a Pedro, de Murcia; e a Alejandro, vigués. Con eles recorrimos as rúas do centro desde a Porta do Sol ata a nora.
José Antonio, o máis faladeiro de todos, contaba orgulloso que tras moito insisitirlle ao alcalde, conseguira que puxeran unha liña de bus á residencia. “Xa verás como me recoñece”, comentaba xusto antes de darlle a man a Caballero. Os outros dous parecían máis interesados nas luces, especialmente Alejandro coa xigantesca nora do Areal.
Agás algún chuvasco puntual cara o final da tarde, a chuvia deu tregua para que decenas de anciáns gozaran dun agradable paseo polo centro e gozaran da iluminación natalicia. Antes das oito os nosos tres amigos subiron de novo ao taxi de Alfredo, que os levou de volta a Santa Marta para tomar a última cea anterior a Noiteboa.
O taxista, que xa leva tres anos participando nesta actividade, mostrou a súa satisfacción polo ben que saíran as cousas e pola ledicia dos homes aos que levou e trouxo: “É algo súper gratificante, un deses casos nos que é moito mellor dar que recibir”. Ademais, quixo facer unha mención especial ás súas compañeiras, xa que “houbo moitas mulleres taxistas cun gran amor polo detalle que se disfrazaron, transmitindo un moi bo ambiente”.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024