CAMELIAS MASCOTAS

Luces, beléns e toda a decoración do Nadal

Vigo xa está preparado para deslumbrar durante estas datas de Nadal. Os 10 millóns de leds acenderán o sábado 23 de novembro ás 20.30 horas. Non só haberá luces e adornos por toda a cidade, os tradicionais beléns e o poboado de montaña volven un ano máis á Casa das Artes e á Casa Galega da Cultura. Aquí traemos unha guía con todos os elementos lumínicos, os beléns e as casiñas de Papá Noel e os Reis Magos que poderás visitar nestas datas.

Árbore de Nadal

Desde o 23 de novembro estará acendida na Porta do Sol a famosa árbore de luces led de 35 metros. Haberá pases diarios cada 30 minutos desde as 18.30 ata as 22h e soarán os temas Happy Christmas de John Lenon, El Último Mohicano, Piratas del Caribe e Frozen.

Tamén haberá unha árbore máis pequena na praza Fernando el Católico e na rúa Blein Budiño.

Bóla de neve

A bóla de leds de 12 metros, transitable no seu interior, coñecida como “Estrela da morte” da saga Star Wars, está ubicada, como o ano pasado, na Farola de Urzáiz. Acenderá tamén o 23 de novembro.

Boneco de neve

O boneco de 10 metros de altura e 7 de diámetro cambia de ubicación. Foi a novidade do ano pasado na praza de Compostela pero este ano estará na rúa Rosalia de Castro. Tamén é transitable polo seu interior e acenderá o 23 de novembro.

Caixa de agasallo

Mantén a súa ubicación no cruzamento de Gran Vía con Urzáiz. Ten unhas dimensións de 17 metros de altura, 10 de anchura e 9 de fondo.

Paraugas lámpada veneciana

O cruzamento entre a rúa Policarpo Sanz coa rúa Colón brilará coa luz da gran lámpada veneciana instalada outro ano máis.

Frozen

Como novidade, este ano únese á ornamentación natalicia a decoración da rúa Progreso (entre a rúa María Berdiales e a rúa Doutor Cadaval) con temática da película de Disney Frozen II. Inaugurarase o 23 de novembro ás 21.30 (unha hora despois do acendido na Porta do Sol).

Photocall

Para ter un recordo ben bonito das luces de Nadal en Vigo, instáronse dous photocall co logo da campaña que o Concello fai do Nadal en Vigo co lema “Vigo, onde vive o Nadal”. Están instalados no número 2 da rúa Urzáiz e na praza da Pedra.

Xardíns efémeros

Tano a rúa Príncipe como a Porta do Sol, a rúa Eduardo Iglesias, a praza da Pedra e a rúa Rosalía de Castro acollerán diferentes xardíns con decoración natalicia.

Belén monumental na Casa das Artes

Elaborado pola Agrupación La Morana, está poboado por case duascentas figuras modeladas polo escultor José Luis Mayo Lebrija. Ocupa máis de 100 metros cadrados e nel recrearase a vida de Belén cunha coidada escenografía. Permite realizar unha viaxe de máis de 2.000 anos no tempo. Con máis de 60 figuras de 25cm tamén fai alusións á cidade de Vigo.

Poderase visitar na Casa Artes ( rúa Policarpo Sanz, 15) desde o 25 de novembro nos seguintes horarios:

  • De luns a venres de 17 a 21 horas.
  • Sábados, domingos e festivos de 11 a 14 horas e 17 a 21 horas.
  • Horarios especiais:
    • Días de Nadal, Ano Novo e Reis de 12 a 14 horas e de 17 a 21 horas.
    • Días de Noiteboa e Noitevella de 12 a 20 horas.
    • Véspera de Reis (Cabalgata) de 12 a 21 horas.

Poboado de Nadal

Representación dun tradicional poboado de montaña en miniatura ambientado na época de Nadal. Estará na Casa Galega da Cultura (praza Princesa, 2) desde o 26 de novembro nos seguintes horarios:

  • De luns a venres de 17 a 21 horas.
  • Sábados, domingos e festivos de 11 a 14 horas e 17 a 21 horas.
  • Horarios especiais:
    • Días de Nadal, Aninovo e Reis de 12 a 14 horas e de 17 a 21 horas.
    • Días de Noiteboa e Noitevella de 12 a 20 horas.
    • Véspera de Reis (Cabalgata) de 12 a 21 horas

Belén lúminico diante da Concatedral.

Tamén aceso desde o 23 de novembro.

REVISTA NOVEMBRO

Casa de Papa Noel e do carteiro real

Dianto do Museo MARCO está instalada unha caseta de madeira ambientada nun fogar nórdico. Do 29 de novembro ao 24 de decembro será o lugar onde Papa Noel reciba aos máis cativos coas súas cartas nos seguintes horarios:

  • De luns a venres de 17 a 21 horas.
  • Sábados, domingos e festivos: de 11 a 14 horas e de 17 a 21 hoas
  • Horario especial:
    • Do 22 de decembro ao 24 de decembro de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas.

Cando Papa Noel regrese a Laponia, a caseta de madeira acollerá ao carteiro dos Reis Magos cunha caixa de correos para recoller unha morea de cartas. Estará desde o 25 de decembro, de 11 a 14 e de 17 a 21 horas.