O único órgano da cidade soa en 8 Pés e o piano de James Rhodes esta fin de semana en Vigo
Música dabondo esta fin de semana en Vigo, soan o órgano da Colexiata no festival 8 Pés e o piano de James Rhodes no Auditorio Mar de Vigo. A Pedreira xunto a Uxía presentan o disco-filme Basal na Rebullón e o ex-Morgan Ove volve en solitario cun concerto na Casa de Arriba. Os espectáculos de teatro cómico tampouco faltan na programación, podemos sentar e rir con ‘Alta Costura’ na sala Ártika e ‘Amoriños’ de Touriñán e Perdomo no Teatro García Barbón.

8 Pés – venres 21 e sábado 22 ás 21:00h na Colexiata – De balde
O festival organizado pola Orquestra Clásica de Vigo recolle a artistas de moitos lugares para dar concertos de órgano na Concatedral de Santa María (Colexiata). Os asistentes ao evento teñen o privilexio de escoitar o órgano Alberdi, o único en funcionamento en Vigo, da man de grandes organistas como Olivier Latry o venres e Enrique Martín-Laguna o sábado. O festival busca achegar a música clásica á xente e reivindicar o órgano como un instrumento que ofrece composicións únicas.
Outlet de Nadal Solidario – venres 21 e sábado 22 de 10:30h a 20:30h no CC Camelias – De balde
Durante dous días, a planta alta do Centro Comercial Camelias transfórmase nun auténtico mercado do Nadal cunha ampla selección de artigos para encher os fogares de maxia: figuras, árbores, bólas, guirnaldas, enxovais, velas e luces. O evento ten un dobre obxectivo social: recadar fondos para o programa Convivindo de acompañamento a maiores e destinar fondos á cobertura de necesidades básicas, cun foco especial na crise da vivenda.
Magostos – venres 21 e sábado 22 pola tarde en distintos lugares – De balde
Esta fin de semana hai tres festas de Magosto nos barrios da cidade. O venres no Solar da Pomba (entre a praza de Don Bosco e a rúa do Pracer) o espazo revitalizado pola veciñanza, celebra o magosto con música para anunciar novidades sobre o proxecto. Tamén o venres se organiza festa en Mi Rincón Favorito, cun obradoiro e celebración con castañas e contacontos despois, todo con entrada de pago. O sábado a asociación Bembrive en Pé tamén convida a todo o mundo a papar castañas de balde e á foliada aberta.
Concerto de James Rhodes – venres 21ás 21:00h no Auditorio Mar de Vigo – 18,00 €
O galego-británico namorado do noso país está de volta cunha xira nacional, Manía. Aproveita con estes concertos para contar, a través da música de Chopin, Rachmaninov ou Brahms, a súa propia historia. Desde o inferno que viviu en Reino Unido ata o descubrimento dun novo fogar en Galicia, Rhodes busca narrar e compartir a súa viaxe mediante o piano.
‘Go Home’ – venres 21 ás 21:00h no Teatro Afundación – Desde 17,80 €
Unha comedia para abordar un asunto moi serio: a xentrificación provocada polo turismo de masas. Conta a historia de Carlos, un fanático do turismo que xa fixo todo tipo de aventuras que as axencias de turismo lle podían ofrecer. Todas agás unha: unha viaxe sorpresa, ás cegas, na que non sabe o que lle vai suceder.
Concerto de Ove – venres 21 ás 21:00h na Casa de Arriba – Desde 10,40 €
Alejandro Ovejero (Ove), compositor do madrileño barrio de Hortaleza, desenvolve a súa carreira musical ao baixo e aos coros desde os 15 anos, como integrante de bandas como Inlogic ou Morgan. En 2021 afástase da escena musical para centrarse no seu oficio como coidador de abellas, pero acabou por volver aos escenarios en solitario buscando satisfacer unha necesidade de expresión.
Concerto de A Pedreira – venres 21 ás 22:00h na Sala Rebullón – Desde 7,00 €
O Día Internacional da Música é unha data para celebrar e a Sala Rebullón programa un concerto moi especial da premiada artista A Pedreira, que vén co seu novo espectáculo Basal, e unha convidada igual de especial: Uxía. Basal é un disco-filme que conecta música, psicoloxía, territorio e corpo-casa. As canción unidas pola narrativa visual e cotiá da artista, no seu hábitat, con reminiscencias da adolescencia , nesta segunda revolta na que está, a que muitas xa chaman: Plenopausia.

‘Alta Costura’ – sábado 22 e domingo 23 ás 20:00h na Sala Ártika – Desde 12,00 €
‘Alta costura’ é unha peza de teatro físico irónico e poético que reflexiona sobre o fast fashion: consumo masivo de roupa, contaminación, precariedade laboral e saúde. Unha obra de Elefante Elegante, a compañía da coruñesa María Torres e o portugués Gonçalo Guerreiro, que levan anos desenvolvendo espectáculos co desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar temáticas de carácter social e existencial.

Concerto de Xoél López – sábado 22 ás 21:00h no Teatro Afundación – ESGOTADAS
Nesta xira nacional de Xoél trae un concerto no que repasa as cancións do seu último traballo, Caldo Espírito (Esmerarte, 2023), xunto ós temas que o acompañaron ao longo da súa traxectoria. É unha viaxe evocadora e conmovedora que anima a explorar as experiencias que abrangue a vida contemporánea. O título en si é unha poderosa metáfora que fusiona o italiano, onde «caldo» significa «quente», e o galego, «espírito».
Amoriños – domingo 23 ás 18:00h no Teatro Afundación – Desde 16,74 €
Despois do éxito de ‘Corentena’ Perdomo e Touriñán volven coa súa parella máis perigosa: o amor. ‘Amoriños’ é un espectáculo de citas tolas, paixóns imposibles e personaxes que non deberían xuntarse… pero xúntanse igual. Un First Dates á galega, humor salvaxe con retranca e moito corazón, como acostuman a facer estes dous cómicos e actores.



