74 curtametraxes de 34 países na novena edición do Galician Freaky Film Festival
O festival internacional de cine freak e fantástico de Vigo celébrase do 19 ao 27 de setembro nos Cines Tamberlick da Praza Elíptica e as entradas xa están á venda na web do festival.

O Galician Freaky Film Festival vén de anunciar a súa esperada Selección Oficial de curtametraxes, un dos sinais de identidade máis recoñecibles do certame vigués. Nesta novena edición, a programación chega con cifras de récord: 74 curtametraxes procedentes de 34 países. Máis de 14 horas de cine freak que converterán Vigo na capital internacional do cinema fantástico e de terror.
Un dos aspectos que cada ano destaca no certame é a cantidade de estreas. Nesta edición continúa a subir o número de filmes que o público poderá ver en exclusiva: 1 estrea mundial, 2 estreas internacionais, 1 estrea europea, 27 estreas en España e 34 estreas en Galicia. En total 65 das 74 pezas proxectaranse por vez primeira en Galicia, un fito que consolida ao GFFF como unha das plataformas máis importantes do panorama español para descubrir cinema de xénero actual e con proxección internacional.
A programación artéllase en 12 bloques temáticos, pensados para alimentar todos os gustos e pulsións da comunidade freak. Os dous volumes de Arrepío propoñen un auténtico festín para quen busque pasar medo, con pezas que exploran desde o suspense psicolóxico ata o body horror máis visceral. Un dos bloques de terror estará adicado en exclusiva a producións asiáticas.
A sesión de Ciencia Ficción chega este ano cun nivel excepcional e moi variado: desde propostas cómicas ata experimentos máis delicados, como Himalia, das cineastas canadenses Clara Milo e Juliett Lossky, rodada en esperanto e destinada a ser unha das xoias desta edición.


O apartado de Humor Freak regresa en dobre dose, con comedias disparatadas que abordan desde situacións cotiás ata delirios imposibles. Entre elas destaca I Am the Fire, do sueco Patrik Eklund, que explora a crise da mediana idade con violencia e sarcasmo e que promete converterse nunha das comedias máis celebradas polo público.
Non faltará tampouco o bloque Serie B-estial, que repite tras o éxito de 2024 cunha nova colleita de propostas de baixo orzamento e ideas tolas, onde a falta de medios se converte en motor de creatividade. O bloque Alimento para o maxín aglutinará pezas moi visuais, que estimulan as neuronas e desconcertan o cerebro. E os dous bloques de Co Cu Torcido sempre conseguen xusto o que se propoñen, descolocar e sorprender con xenerosas doses de humor negro e situacións absurdas.


O surrealismo e a esaxeración visual atopan o seu espazo nas tres sesións de Que Carallo é isto?!, que xa son marca da casa. Neles veremos obras como King of Nothing, do serbio Aleksa Gajić, un relato sucio e arrollador que lembra ás viñetas máis feroces de Frank Miller; ou Drizzle in Johnson, do director Ivan Li, unha animación tan peculiar e perturbadora que, como din dende o equipo de programación, “unha vez vista xa non se pode desver”, e que pechará a novena edición do GFFF.

O difícil labor de decidir os gañadores da Selección Oficial recaerá no Ilustrísimo Xurado do GFFF 2025, composto por tres figuras de prestixio internacional. O director catalán Pol Diggler, gañador do Premio Freakiest Director na pasada edición e único cineasta do que o festival proxectou tres traballos, volve este ano en calidade de xuíz. Xunto a el estará a produtora e programadora italiana Alessia Gasparella, con experiencia en festivais como Tribeca, SXSW ou Fantasia e co-directora do Bref International Short Film Festival. Completa o panel Sara Lopo, programadora de MOTELX e membro do xurado en certames como Sitges e Fantastic Fest, recoñecida pola súa traxectoria no cinema fantástico internacional.

