7 solpores máxicos en Vigo

A vida nas cidades pode ser, en moitas ocasións, rutineira e mesmo aburrida. Por iso, moitas persoas buscan distintos xeitos de homenaxear o paso dos días, deténdose durante uns minutos —ou durante horas— para apreciar e agradecer. O solpor é, por excelencia, o intre escollido para recargar as pilas antes de dar por rematado o día. Recompilamos sete puntos da cidade de Vigo desde os que gozar dunha posta de sol memorable.

PASEO DE ALFONSO XII

Non hai mellor maneira de rematar un paseo polo centro de Vigo que presenciar un solpor de película no corazón da cidade.

O miradoiro do Paseo de Alfonso XII ubícase no centro urbán, fronte ao mar. Nel, atópase A Oliveira de Vigo, unha árbore senlleira, símbolo identitario da coñecida como a cidade olívica. Pódese aproveitar para tomar unha consumición nos establecementos da zona, que contan con terrazas marabillosas con vistas á Ría.

TERRAZA DO CC A LAXE

Con vistas ao Peirao de Transatlánticos vigués, o Centro Comercial A Laxe conta cunha terraza desde a que se pode ver o Sol agocharse polas Illas Cíes sen saír do centro da cidade.

Ademais, neste amplo espazo no que é difícil atopar aglomeracións, hai un columpio no que se poden apreciar estas fermosas vistas balanceándose sobre o mar. Tras unha tarde de compras, é unha forma moi accesible de poñer o broche de ouro ao día.

MONTE DO CASTRO

A subida ao Monte do Castro paga a pena para observar Vigo desde un punto moi elevado. Non obstante, non é preciso subir ata o miradoiro para presenciar un solpor espectacular, existen moitos puntos chave dentro deste pulmón verde da cidade olívica.

Un moi bo plan é visitar os xacementos castrexos e a fortaleza medieval, rematando cun ceo que despide o día desde un espazo histórico e privilexiado.

SAMIL

FAITE AMOVIDALOVER

Este verán, tras longas xornadas de praia e calor, o paseo da praia de Samil acolle sempre a centos de vigueses que gozan do remate do día á beira do mar.

Tomar un xeado e camiñar, sentar nun banco, escoitar música na area, bañar na praia coa auga tinguida das cores do ceo, facer deporte… Hai moitas formas de aproveitar esta contorna privilexiada, só ou en compañía.

MONTE DA GUÍA

Noutros tempos, as mulleres dos pescadores subían a este monte para prender fogueiras e orientar aos seus maridos a chegar ao peirao. Hoxe é un dos mellores puntos da cidade olívica para observar a posta de sol.

O Monte da Guía, presidido pola ermida en honra de Nosa Señora das Neves, é unha impresionante contorna natural. O máis recomendable e acceder en coche ou en autobús (liña 17).

CABO ESTAI

Este miradoiro, situado na parroquia de Oia, é un encontro cara a cara coas Illas Cíes. Un lugar tranquilo, sen aglomeracións, onde sentar e mirar cara un horizonte vermello e privilexiado.

Forma parte da zona máis occidental da cidade olívica. O grafitti do símbolo da paz, presente nas escaleiras do miradoiro, describe á perfección o sentimento que aflora no espazo.

MONTE CEPUDO

Un dos montes que bordean a cidade, situado a 526 metros sobre o nivel do mar. O Parque Forestal de O Monte Cepudo conta cun miradoiro que ofrece unha memorable panorámica da contorna da Ría de Vigo, coas Illas Cíes e a Illa de Toralla en primeiro plano.

Ademais, trátase dun espazo totalmente habilitado para o lecer, con bancos, mesas, fontes e parrillas para gozar en compañía da natureza viguesa.