35 anos de conexión Sáhara-Vigo
O pasado 6 de xullo, Abdelbaset, Ahmed, Asma, Beia, Hanan, Mohamed Lamine e Motjar subiron a un avión no aeroporto de Tinduf (Alxeria) con destino Vigo. Era a primeira vez que facían unha viaxe tan longa e, aos seus nove anos, facíana na compañía doutros trescentos nenos que, coma eles, viñan pasar o verán a Galicia. Atravesaron os máis de dous mil quilómetros que separan a súa casa, nos campamentos de refuxiados do Sáhara Occidental, da nosa cidade cunha pequena mochila na que traían algo de comida e o corazón nun puño. Nos seus ollos mesturábase a tristeza de deixar aos seus atrás, coa curiosidade por descubrir ese mundo novo do que tanto lles falaran.

Eles son a xeración número trinta e cinco de Vacacións en Paz, o programa a través do que cada ano milleiros de nenos e nenas saharauís veñen a España para escapar das altas temperaturas dos campamentos alxerianos, que poden chegar aos 60 ºC no verán. Vigo é o concello que máis nenos acolle de todo o Estado, concretamente este ano foron 70 os que pasaron o verán aquí. «En 1990, 25 nenos estiveron en campamentos de Arteixo e Ribadeo. Ao ano seguinte comezou a acollida en familias, a maioría delas da provincia de Pontevedra e por iso a asociación instalou a súa sede en Vigo», cóntanos Maite Isla, presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Entre eses primeiros nenos que chegaron á nosa comunidade estaba Mohamed Brahim, a quen Maite acolleu no seu fogar. Despois de Brahim, pola casa de Maite pasaron once nenos e nenas e, pouco a pouco, foise cociñando no seu interior a determinación de defender a liberdade dun pobo oprimido por Marrocos.

Este mes de novembro fanse cincuenta anos da Marcha Verde (coñecida como Marcha Negra polos saharauís), a través da que Marrocos invadiu o Sáhara Occidental, o que iniciou un conflito que segue en pé a día de hoxe. Máis de duascentas mil persoas viven nos campamentos alxerianos agardando a que se celebre o referendo de autodeterminación prometido pola ONU en 1991 para así poder volver á súa terra. «Se o futuro do pobo saharauí dependese da poboación civil e non dos políticos, o conflito xa estaría resolto», sinala Isla que é especialmente dura co posicionamento de Pedro Sánchez, quen en 2022 escribiu unha carta ao Rei de Marrocos na que admitía que a mellor solución para o conflito sería o recoñecemento do Sáhara Occidental como unha autonomía do país alauí. «Paréceme moi ben que o goberno de España recoñeza o estado de Palestina, o que pido é o mesmo recoñecemento para o Sáhara Occidental. España ten un compromiso político, histórico e de xustiza co pobo saharauí.» Como ben explica a presidenta de SOGAPS, o Sáhara Occidental foi case durante un século colonia española e continúa a ser, a día de hoxe, a potencia administradora ao verse interrompida a súa descolonización cos acordos tripartitos de Madrid que derivaron na invasión marroquí.
«A decisión de Pedro Sánchez de apoiar a postura marroquí pasou case desapercibida, apenas se lle deu bombo nin visibilidade. Como cidadáns temos a obriga de non deixar pasar estas cousas», quen fala é Salamu, un deses nenos saharauís que grazas a Vacacións en Paz pasou en Galicia os veráns de 2005 e 2006. Logo, grazas ao empeño da súa familia saharauí e a de acollida, conseguiu quedar a estudar. Agora, con 28 anos traballa como consultor financeiro nunha empresa galega. «Os saharauís loitamos para desatascar esta situación e temos moita gana de que suceda, pero son moitos anos xa e a vida nos campamentos non é desexable nin para un mesmo nin para os fillos, por iso eu quedei a estudar aquí», explica Salamu, quen recoñece que hoxe son moitos os saharauís que buscan a maneira de marchar fóra ante a falta de expectativas.

Salamu chegou a Rois aos sete anos e recorda que o que máis lle sorprendeu é que houbese auga en distintas dependencias da casa e tamén fóra. «Todo era unha experiencia: a xente era diferente, a cultura tamén era distinta e aquí había moitas cousas que daquela nos campamentos non coñeciamos como a electricidade, as billas de auga, o xogo de cubertos, os vasos, as mesas, as televisións… todo era novo. E, por suposto, o mar impresionoume moitísimo», conclúe. Vinte anos despois, a rapazada que vén a Galicia pasar o verán está moito máis informada, hai tempo que a electricidade e o internet chegaron aos campamentos. Porén, Salamu sinala con rotundidade: «Aínda que os campamentos cambiaron moito, en realidade non cambiaron nada. Por moito que evolucionen non deixan de ser uns campamentos de refuxiados que teñen ese carácter temporal e ninguén quere estar alí porque non é sitio para vivir», conclúe o mozo saharauí.
«Por moito que evolucionen non deixan de ser uns campamentos de refuxiados que teñen ese carácter temporal e ninguén quere estar alí»,
Salamu, participante de Vacacións en Paz en 2005 e 2006
Aínda que a sorpresa ante certas cousas non sexa a mesma, a rapazada continúa a gozar da experiencia coa mesma intensidade. «A Brahim o que máis lle sorprendeu foi o mar, meteuse de cabeza e pronto aprendeu a nadar», explican Cecilia e Iván, que o ano pasado sumáronse a este programa de acollemento estival. «En realidade foron a miña filla Mia e a miña irmá as que viron un cartel en redes sociais e nos convenceron», explica Cecilia e asegura que tanto ela como o marido tiñan certa preocupación de como sería a adaptación de Brahim, pero foi todo moito máis doado do que imaxinaban: «Temos moita vida social, no noso grupo de amigos hai unha cuadrilla de dez nenos e enseguida Brahim foi un máis». Mia séntese encantada coa incorporación do neno saharauí á familia, tanto e así que ao longo do ano esmerouse en recadar diñeiro para financiar a viaxe dos pequenos. «Gústame correr e bailar, así que xunto cos meus pais e a axuda dos nosos amigos organizamos unha carreira e un festival solidario», explica con entusiasmo.


Este ano é o primeiro de Beia e tamén o da súa familia de acollida: «Decidímolo no último momento ao escoitar na radio que faltaban quince familias para que puidesen vir todos os nenos este verán», explica Ana Belén. Foi o seu marido, José Manuel, o que chegou coa noticia e casualmente igual que no caso de Cecilia, foi a filla de ambos, Aldara, a que animou aos pais. «Eu sempre quixen ter un irmán e facíame moita ilusión traer alguén e poderlle descubrir como vivimos aquí. En verán non tiña nada que facer e díxenlle a meus pais que non se preocupasen, que eu coidaría dela», sinala a rapaza. Agora Beia é unha máis na casa e a familia séntese feliz coa decisión tomada: «Ela desfrútao moito e vai marchar chea desas cousas, contenta e con ganas de compartilas coas súas irmáns e os seus pais», explica Ana Belén e engade: «Alíviame moito ver o contenta que marcha para o Sáhara porque alí poden carecer de cousas materiais, pero teñen unha familia que os quere e coida. Unha das cousas que nos freaba era pensar que era cruel darlle todo durante dous meses e despois quitarllo. Pero era ignorancia, ela ensinounos que para ser feliz non fai falla tanto».


A familia de Mia recomenda con rotundidade a experiencia: «É moi recomendable e para algunhas familias incluso moi necesaria. É unha maneira de achegarnos a outras realidades e ver que non todo o mundo ten o que quere, cando quere e como quere». A de Aldara concorda, pero con certas reservas: «Este vai ser un verán inesquecible, pero é unha experiencia moi forte, tes que estar preparado e seguro de querer facelo», aseguran.
«Alíviame moito ver o contenta que marcha para o Sáhara porque alí poden carecer de cousas materiais, pero teñen unha familia que os quere e coida»
Ana Belén, familia acolledora
«É unha maneira de achegarnos a outras realidades e ver que non todo o mundo ten o que quere, cando quere e como quere»
Cecilia, familia acolledora
Ademais de proporcionarlle á cativada unha experiencia chea de diversión e novidades, Vacacións en Paz ten entre os seus obxectivos que os nenos e nenas que participan poidan recibir a atención sanitaria da que carecen nos campamentos de refuxiados e teñan acceso a unha alimentación equilibrada. Pero Maite Isla fai fincapé sobre a vertente política: «Estes nenos son a mellor ferramenta que temos para visibilizar a causa. A través deles conseguimos que a poboación non se esqueza do Sáhara. Aínda que estou moi orgullosa do programa, o que realmente desexo é poder visitar estes nenos e nenas no seu país: un Sáhara Occidental libre da opresión marroquí».
«Aínda que estou moi orgullosa de Vacacións en Paz, o que realmente desexo é poder visitar estes nenos e nenas no seu país: un Sáhara Occidental libre»
Maite Isla, presidenta de SOGAPS

Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- O ‘queer’ fala galego - 1 Xuño, 2026
- Nuria Vil: «Segue a existir a narrativa de que as persoas queer somos perigosas» - 1 Xuño, 2026
- A ‘Tertúlia’ de Fillas de Cassandra conquista Pontevedra - 10 Maio, 2026
- Fran Alonso, escritor e editor: «Estamos no fin do modelo capitalista, pero os finais son moi longos» - 28 Abril, 2026
- Anxo Pintos: «Cómpre unha programación municipal que garanta a presenza de grupos galegos» - 1 Abril, 2026



