16 festas imprescindibles para desfrutar en agosto

O verán é sinónimo de festa en Galicia, pero en agosto a celebración intensifícase. O calendario énchese de romarías, verbenas, festas gastronómicas, recreacións históricas e citas populares que levan música, tradición e ambiente ás vilas e cidades de todo o país. Hai tanta troula que moitas festas coinciden o mesmo día. Desde A Movida facemos unha selección de festas para que te poidas organizar!

Festa do Pulpo (O Carballiño)

24 de xullo – 9 de agosto

A relación do Carballiño co polbo remóntase á Idade Media, cando este produto chegaba desde as Rías Baixas como pagamento ao mosteiro de Oseira e as xentes de Arcos se encargaban do seu transporte e venda. A celebración organízase desde 1962 e está recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional.

Romaría Viquinga (Catoira)

26 de xullo – 3 de agosto

Recrea as incursións viquingas na ría de Arousa cun desembarco nas Torres de Oeste, mercado medieval, teatro e actividades populares. O acto principal celébrase o primeiro domingo de agosto.

Festa do Albariño (Cambados)

29 de xullo – 2 de agosto

Naceu en 1953 como un pequeno concurso entre nove adegueiros para escoller o mellor viño da colleita. Co paso dos anos converteuse nunha das grandes citas vinícolas de Galicia e nun escaparate para o albariño e a cultura do Salnés.

Festa das Covas (Vilamartín de Valdeorras)

1 de agosto

As históricas adegas subterráneas de Vilamartín abren as súas portas para ofrecer viños artesáns e petiscos. A cita comeza ás 20:30 h e continúa desde a medianoite coa Festa Rachada na zona do Bañadoiro.

Feira do Bonito (Burela)

1 – 2 de agosto

O bonito do norte é un dos grandes sinais de identidade económica e mariñeira de Burela, que conta cun dos principais portos boniteiros de Galicia. A feira naceu para divulgar esta tradición pesqueira e permite probar o produto en diferentes preparacións.

Festa do Monte (A Guarda)

3 – 10 de agosto

As bandas mariñeiras, os bombos, as gaitas e o colorido dos traxes toman A Guarda durante unha semana. O gran desfile do sábado e a romaría no monte de Santa Trega do domingo reúnen milleiros de persoas arredor da tradicional xura, a comida ao aire libre e a baixada coñecida como A Desfeita.

Mercado Medieval (Mondoñedo)

7 – 9 de agosto

O centro histórico regresa á Idade Media con postos de artesanía, espectáculos, pasarrúas e actividades de ambientación histórica arredor da catedral. A celebración lembra a concesión do título de cidade a Mondoñedo por Afonso VII.

Festa da Lamprea Seca (Arbo)

7 – 9 de agosto

Creada en 1996, esta celebración permite continuar a exaltación da lamprea fóra da súa tempada habitual. O peixe pode probarse asado, recheo, rebozado ou con fideos, entre outras receitas, acompañado polos viños da contorna.

Festa da Maruxaina en San Cibrao (Cervo)

8 de agosto

A vila recrea a captura e o xuízo popular da Maruxaina, a lendaria serea dos Farallóns. A celebración inclúe procesión mariñeira, ambientación tradicional, fogos e queimada.

Festa Corsaria (Marín)

14 – 15 de agosto

Marín viaxa ata o ano 1800 coa Festa Corsaria, unha recreación histórica que rememora a batalla de Aguete, na que o corsario marinense Juan Gago de Mendoza e os seus homes se enfrontaron ás tropas inglesas para impedir o roubo do cargamento de prata da fragata Alcudia. Durante dous días, a vila transfórmase nun escenario de época.

Feira do Xamón (A Caniza)

15 de agosto

A tradición xamoneira da Caniza supera o século e está favorecida polo clima seco e frío da Paradanta. A feira celébrase cada 15 de agosto desde 1966 e conserva elementos populares como os carros cargados de xamóns, as pallozas e os cabezudos.

Festa da Auga (Vilagarcía de Arousa)

16 de agosto

Tras a procesión de San Roque, as rúas da zona húmida convértense nunha batalla de auga con mangueiras, cubos e camións de bombeiros. A celebración, nacida de maneira espontánea nos anos oitenta, pode reunir arredor de 30.000 persoas e é unha das imaxes máis recoñecibles do verán galego.

Simulacro do Naufraxio de Laxe (Laxe)

17 de agosto

Dentro das festas patronais, a vila representa un naufraxio e o rescate dos mariñeiros antes da procesión marítima da Virxe do Carme, nunha das tradicións máis singulares da Costa da Morte. A celebración realízase anualmente dende que foi instaurada no ano 1962 por Avelino Lema Santos, mariñeiro de Laxe supervivente a tres naufraxios.

Entroido de Verán (Redondela)

22 de agosto · Data Prevista

Disfraces, música, sesións de DJ, actividades infantís e a tradicional Gala Drag converten Redondela nunha gran festa durante toda a xornada. Na edición de 2025 participaron preto de 40.000 persoas, o que confirma o Entroido de Verán como unha das celebracións máis multitudinarias do calendario galego.

Festa Normanda (Foz)

27-30 de agosto

Retrocedemos ata os séculos IX e X coa Festa Normanda, unha recreación histórica inspirada nas incursións viquingas e normandas que chegaron á costa da Mariña. A vila énchese de ambiente medieval con mercado, campamento normando, desembarco na praia de Tupide, combates, espectáculos de rúa e o espectacular funeral normando sobre a ría.

Festa da Istoria (Ribadavia)

28-30 de agosto

O casco histórico transfórmase nunha vila medieval con torneos, cetraría, banquetes, unha voda xudía, mercado de artesanía e o uso do marabedí como moeda. Está declarada Festa de Interese Turístico Nacional.