15.000 espectadores acreditan o bo facer da Sala Ártika
A sala de teatro Ártika presenta a tempada para 2026-2027 co optimismo dos bos datos acadados no último ano, no pasaron polo espazo de Beiramar máis de 15.000 persoas. Entre setembro e decembro deste ano a sala ofrecerá 41 funcións de 27 compañías diferentes.

A sala Ártika saca peito cos bos datos acadados na tempada 2025-2026: quince mil persoas pasaron polas butacas de Beiramar nos dez meses de programación continuada da sala. En concreto, 6.059 persoas asistiron á programación regular e 8.973 á campaña escolar. Estes datos consolidan a Sala Ártika como un dos espazos escénicos independentes de
referencia en Vigo, cunha actividade estable ao longo de todo o ano e cunha clara aposta pola creación e fidelización de públicos. Todo un fito para un teatro independente.
Malia ser unha empresa privada, a sala de Beiramar conta con apoio público, principalmente da Xunta de Galicia a través do AGADIC, que aseguran a viabilidade do proxecto. Dos 320.759,96 € de gasto total que tivo a sala neste período, arredor da metade foi asumido a través de financiación pública (52,58 %). Concretamente a Xunta de Galicia achegou 123.954 €, o Ministerio de Cultura 34.700 € e o Concello 10.000 €. A este respecto, os promotores da sala piden ao concello “unha proposta máis ambiciosa, acorde ao traballo que facemos na cidade”.
Estes datos permitiron a Marcos Alonso, un dos impulsores do proxecto, falar deste ano como “un punto de inflexión” e anunciou que para a nova tempada “artellaron a programación máis ambiciosa ata o momento“. 28 compañías, 42 funcións, tres cursos intensivos, seis sesións formativas, dúas actividades complementarias e dez coloquios postfunción conforman o menú da tempada que arranca en setembro. Entre as novidades, Alonso quixo remarcar os coloquios cos actores despois dos pases nas obras dirixidas a público adulto “para nós é moi importante crear comunidade e queremos crear este punto de encontro entre os actores e o público”.

A programación estruturase arredor de cinco festivais ou ciclos: o VII Festival Comediártiko, a Programación off, o XII Festival Pequeártiko de Nadal, Kamarártika e o Festival Agarima. Desde a sala volven apostar por acoller espectáculos musicais dentro do ciclo Kamarártika, aludindo a que moitas bandas non atopan na cidade un espazo no que presentar os seus proxectos. O VII Festival Comediártiko será un dos eixes principais do semestre e volverá situar a comedia, o pensamento crítico e a diversidade de linguaxes escénicas no centro da programación. Dentro deste marco, presentarase a estrea de Isto non é un acto político, a nova produción de Ártika Cía. A programación regular inclúe a representación da compañía Butacazero 1972, sobre a folga obreira que paralizou a cidade; Tetro Inestable presenta 4.200 km sobre a migración en pateras; e tamén poderemos asistir a representación de Mulleres que viven soas, peza de Berrobambán interpretada por tres das contadoras de historias máis relevantes do país: Paula Carballeira, María Pontragha e Vero Rilo. A programación incluirá ademais a actividade Que me queres dicir cando me dis neutralidade ideolóxica?, con Roberto Pascual, unha proposta de reflexión arredor da creación escénica, a liberdade de expresión, a censura e os debates ideolóxicos que atravesan hoxe o feito teatral. Outro dos nomes destacados será El Rayo Misterioso, compañía arxentina que presentará Todo terminará para Navidad e que impartirá un curso intensivo nos mesmos días das funcións, reforzando a relación entre exhibición, formación e intercambio profesional.
Dentro de todas as dificultades que as compañías teatrais atopan na cidade para poder exhibir os seus traballos, a Sala Ártika funciona desde o 2014 como un oasis; algo que avala os bos datos de público que acaban de compartir.
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- 15.000 espectadores acreditan o bo facer da Sala Ártika - 1 Xullo, 2026
- Uxía Senlle: «Non podía eu soñar que a xente iría ás foliadas como vai agora, a bailar e mocear» - 29 Xuño, 2026
- Viva Vigo, tamén en Castrelos? - 29 Xuño, 2026
- O ‘queer’ fala galego - 1 Xuño, 2026
- Nuria Vil: «Segue a existir a narrativa de que as persoas queer somos perigosas» - 1 Xuño, 2026

