10 festivais a menos de 1 hora de Vigo
Despedir ben o verán é unha tarefa sinxela en Galicia. Dispoñemos dunha ampla variedade de festivais que nos fan vibrar e gozar da música en compañía. Nigrán, O Porriño, Vilaxoán de Arousa ou o Parque Forestal de San Miguel de Oia son algúns dos escenarios que acollen actuacións de alto nivel. Recompilamos 10 eventos a menos dunha hora de Vigo ,celebrados durante o mes de agosto e setembro.

ATLANTICA BEACH PARTY- O 14 de agosto en Nigrán
O entorno de Praia América colle un festival que se consolida como unha das grandes citas da música electrónica e urbana en Galicia. O cartel desta edición conta con algúns dos DJs máis recoñecidos do panorama nacional: Alex Martini, Groove Amigos, Gainza, Samu Pexe e Alex G. O recinto contará con dous escenarios, unha zona gastronómica con food trucks e espazos chill-out para gozar do bo ambiente preto do mar.
RÍO VERBENA- 22 e 23 de agosto na explanada do Pazo da Cultura de Pontevedra
Este festival aspira a converter a cidade do Lérez nun gran referente no panorama musical nacional. Este ano, ofrece unha programación diversa na que conviven rock, pop, indie, rap e fusión, creando un espazo onde os grandes clásicos comparten escenario con propostas máis actuais. Entre as actuacións programadas atópanse: Efecto Pasillo; Loquillo; Pignoise; Xoel López; Nil Moliner; Álvaro de Luna e Ysy A, entre outros.
GALICIA FEST- O 29 e o 30 de agosto no Peirao de Transatlánticos de Vigo
A cidade olívica acolle un festival indie-pop con nomes moi recoñecidos, que busca ser un referente a nivel nacional. A programación conta coas actuacións de Leire Martínez, Beret, Mikel Izal, Dani Fernández e Maldita Nerea, entre outros; un torneo 3×3 de baloncesto; e DJ para escoller a mestura que de comezo ao evento. Trátase da primeira entrega deste festival, que aspira a fidelizar unha comunidade e consolidarse na cidade de Vigo.
O SON DO PAZO- O 30 e 31 de agosto no Pazo de Mos
O Pazo de Mos acolle a décima edición do festival gratuito O Son do Pazo, organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia. O evento ofrece unha programación que inclúe música de raíz galega e celta con actividades dirixidas a todos os públicos. Entre estas últimas, destaca as III Olimpiadas rurais, unha xincana por equipos, e o II Concurso de Cuartetos, dirixido aos novos talentos da música galega. Ademais, impártese un obradoiro de baile tradicional e acóllense os concertos de: Airiños do Castelo, Sheila Patricia, Algaire (Asturias) e Mediarea, entre outros.
THE WILD- Do 5 ao 7 de setembro no Parque forestal de San Miguel de Oia
Trátase da séptima entrega deste festival multidisciplinar e familiar, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural e concienciar sobre a importancia do coidado dos montes. Dentro da súa programación, destacan concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cine e actividades infantís. Ademais, conta cunha zona gastro, mercado de artesanía e algunhas propostas para coñecer a contorna como andainas, rocódromo ou xincanas de orientación.
NEGRITA MUSIC FESTIVAL- O 6 de setembro en O Porriño
Trátase dunha xira musical con presenza noutros lugares de España, como Santander ou Barcelona, que aterriza en O Porriño por terceiro ano consecutivo. A organización aposta por un cartel que —ademais de contar cunha gran representación galega— mestura artistas consolidados, como Yung Beef, Hard GZ ou Alvama Ice; e novas promesas como Xiyo & Fernandezz, co seu recente éxito Do You Remember, ou o artista emerxente vigués West SRK, co seu último EP Mi Cruz.
REVENIDAS- Do 11 ao 14 de setembro en Vilaxoán de Arousa
O festival vilaxoanés conta cunha amplísima programación que se estende durante catro xornadas de cultura galega e música alternativa. Música, gastronomía e diversión familiar únense nun evento que acolle as actuacións de: The Rapants; Sés; Lendakaris Muertos; Riot Propaganda; Herdeiros da Crus; Galician Army, entre outros. Mais aló dos concertos, ofréncense actividades complementarias como unha sardiñada popular, unha gala de circo familiar e talleres artesanais.
REVOLTALLO- Do 19 ao 21 de setembro en Valadares
A Carballeira do Pedregal, no barrio vigués de Valadares, é o escenario da XXXII edición do festival máis lonxevo de Vigo. O evento ofrece concertos moi variados, rock, folk ou reggae entre outros, enchen esta contorna natural e única cunha programación dirixida a todos os públicos. Ademais, a organización mantén a súa vontade de ser un festival accesible para todo o mundo, coa entrada gratuita. Entre as actuacións confirmadas, atópanse: O cuartero Rock de Cámara; a banda xuvenil King Kids; a banda alemá Pyogenesis; ou o show de Sara Rodríguez, de Magia en La Manga, entre outras.
FREIXO ROCK- 26 e 27 de setembro no Freixo
Este ano celébrase o 30 aniversario deste festival autoxestionado de rock, que acolle as actuacións de 13 consolidados grupos de música. Entre eles, atópanse: No konforme; Skarface; Kamikazes; Demencia Sonora; Os Vacaloiras; Mostrencos ou Cazacús. Ademais, como novidade deste ano, organizouse un concurso de bandas emerxentes autoxestionadas, cuxos gañadores compartirán escenario cos citados anteriormente. Os gañadores foron: Nékrora, Nordés, Demenzia Sozial e La DGT.
COSTEIRA SONORA- O 27 de setembro no Pazo de Toubes, Ourense
Para celebrar o fin da vendimia, Ourense acolle a quinta edición do festival Costeira Sonora, que mestura gastronomía, viño e música entre os viñedos. As actuacións programadas son as de: Axiom Band, Grande Amore, Joe Crepúsculo, The Parrots, Terrae, Isaac Pedrouzo e Rapariga DJ. Ademais, haberá un showcooking do chef do pazo, unha novidade deste ano que reforza a intención de homoxeneizar a gastronomía e a música nunha mesma proposta.
Javier Rodríguez
Últimos posts de Javier Rodríguez (ver todos)
- Beret, mañá no Galicia Fest: «Se vas con algún tipo de idea ao concerto, vas errar» - 29 Agosto, 2025
- Do porto de Vigo á praia de Samil, por que O Marisquiño saíu do centro? - 20 Agosto, 2025
- Cinco rutas de sendeirismo preto de Vigo - 14 Agosto, 2025
- 10 festivais a menos de 1 hora de Vigo - 8 Agosto, 2025
- Yung Beef e Hard GZ inundan O Porriño de música urbana no Negrita Music Festival - 8 Agosto, 2025

