10 festas galegas para non perder este mes de agosto
Agosto é tempo de festa e, en Galicia, non hai fin de semana sen celebracións que mesturen espectáculo, gastronomía e tradición. Desde recreacións históricas ata homenaxes ao noso produto local, achegamos dez festas para non perder durante o oitavo mes do ano.

Festa do albariño (Cambados)
30 de xullo – 3 de agosto
Cambados acolle unha das festas vinícolas máis emblemáticas de Galicia, onde o viño albariño é o gran protagonista. Ademais de catas e concertos, destaca o ambiente festivo que enche as rúas da vila do Salnés durante toda a semana.

Romaría vikinga (Catoira)
26 de xullo – 4 de agosto
Cada ano, as Torres de Oeste (Catoira) reviven un asalto viquingo con barcos, loitas e dramatizacións que recrean a defensa galega fronta ás invasións dos pobos do norte. A festa combina espectáculo, tradición e participación masiva, converténdose nunha das citas máis singulares do verán.

Festa da lamprea seca (Arbo)
8 – 10 de agosto
A lamprea é o símbolo gastronómico de Arbo, que celebra o seu valor cunha festa chea de degustacións e outras actividades culturais. Ademais, a recuperación de receitas tradicionais e a reivindicación do Miño como patrimonio natural e cultural galego completan a proposta.

Festa do pulpo (O Carballiño)
10 de agosto
O Carballiño reúne a milleiros de persoas arredor dun prato tan sinxelo como icónico: o polbo á feira. Os caldeiros de cobre, as pulpeiras e o recendo son parte dun ritual gastronómico que se vive con certa devoción.

Festa corsaria (Marín)
15 e 16 de agosto
A vila de Marín transfórmase nun escenario pirata cunha festa onde o disfrace é imprescindible. Batallas, desembarcos e concertos enchen o porto de fantasía e participación, nun festexo que combina historia e ficción con moito humor.

Festa da auga (Vilagarcía de Arousa)
15 e 16 de agosto
Tras a procesión de San Roque, as rúas de Vilagarcía de Arousa énchense de auga e ledicia, nunha das festas máis populares do verán galego. A complicidade e a alta participación da veciñanza fan desta cita unha experiencia colectiva única.

Entroido de verán (Redondela)
23 de agosto
Redondela reinterpreta o Entroido cunha versión estival que enche as rúas de bo ambiente, disfraces e música. A festa mantén o espírito atrevido do Entroido tradicional, pero adaptado ao clima e á enerxía propios do verán.

Festa normanda (Foz)
28 – 31 de agosto
Foz viaxa ao século X para lembrar os ataques normandos á costa lucense. Durante esta celebración que mestura entretemento e historia, os habitantes da vila vístense de época e participan en combates, desfiles e representacións.

Festa do mar (Combarro)
28 – 31 de agosto
Combarro rende homenaxe ás xentes do mar cunha festa que mestura gastronomía mariñeira, música e relixión. A pintoresca vila de Poio engalánase e acolle actuacións, regatas e procesións.

Festa da Istoria (Ribadavia)
29 – 31 de agosto
Ribadavia mergúllase na Idade Media cunha festa onde tanto a veciñanza como os visitantes participan caracterizados con rigor histórico. A recuperación da memoria xudía e a riqueza patrimonial da vila fan desta celebración unha das máis coidadas de Galicia.

