10 + 1 libros sobre música galega para ler este verán

O bo tempo fai que ler ao aire libre, xa sexa na praia ou á sombra dunha árbore, sexa unha das actividades máis pracenteiras do verán. Recompilamos dez libros, máis un bonus track, que falan sobre a nosa música desde diferentes puntos de vista e persoeiros.

Nesta obra o pandeireteiro coruñés Xabier Díaz recompila moitas das súas recollidas ao longo e ancho de Galicia durante máis de vinte anos. A transcrición dos textos líricos das case cincocentas entrevistas que foron realizadas neste tempo, vén adornada de anécdotas, sorpresas, e fantásticas historias das propias informantes, protagonistas tamén das fotos, e dunha morea de audios orixinais das compilacións.

Seguindo coa música tradicional, a pandeireteira Icía Varela e o investigador Xosé Manuel Varela realizan un percorrido polo legado da música e a poesía popular. Nestas páxinas non poden faltar As Vellas de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás.

Bibiano é unha figura ineludible da música galega e tamén viguesa. Foi promotor de concertos, axitador cultural, xerente de salas, responsable de proxectos como a aula de Música Moderna y Electrónica na actual EMAO, membro de Voces Ceibes e músico innovador.

Por que se buscaron a literatura galega e a música tras o golpe de Estado de 1936? Como naceu a música infantil galega? Cales son as orixes do pop galego? A rigorosa e interesantísma investigación realizada por Alberto Pombo dá resposta a estas interrogantes e deita moita luz sobre as relacións entre a literatura e a música galegas.

Os anos oitenta en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa, e iso demóstranos o autor nesta completa obra sobre aqueles anos de vangarda e cambio. Un percorrido por esa década intensa e rupturista que marcou o futuro da música e das artes en Galicia, xa que o libro tamén inclúe outras disciplinas como os fanzines, o audiovisual, a poesía e a plástica. Preme aquí para ler a entrevista que lle fixemos ao autor con motivo da publicación deste libro. Por suposto, non podemos deixar de recomendar outra obra de Fernández Rego, a máis ambiciosa ata o momento da literatura musical galega: Unha historia da música en Galicia. 1952-2018.

Este disco de Siniestro Total abandeirou a corrente máis vándala do pop e o punk dos primeiros anos 80, cun descacharrante sentido do humor, delirante ironía, incorrección intelectual e unha completa liberdade artística. Neste libro, Sara Morales reconstrúe a súa historia.

O xornalista musical coruñés Noel Turbulencias e a ilustradora murciana Victoria Sánchez sacaron adiante este proxecto autoxestionado no que resumen de xeito visual e accesible a historia da música galega. Cen páxinas nas que atopamos a artistas como Golpes Bajos, Siniestro Total, Terbutalina, Carlos Núñez, Baiuca, Iván Ferreiro, Xoel López, Novedades Carminha, Tanxugueiras ou Cora Novoa.

Vigo sempre foi un berce de músicos e este libro ilustrado demostra que o continúa a ser, recompilando medio centenar de artistas vigueses que tiveron (e seguen a ter) relevancia neste século XXI. Do rock ao trap, pasando polo folk, reggae ou jazz, nas súas páxinas altérnanse textos, debuxos, fotografías e discos destacados.

Ferreñas e Rock and Roll é un catálogo ilustrado a toda cor no que se outorga protagonismo a trinta e unha músicas ou formacións integramente femininas que marcaron un antes e un despois tanto nos seus respectivos estilos como no conxunto da música galega.

Libro difícil de atopar que volve estar de actualidade tras a recente e prematura morte de Piti Sanz, músico poliédrico nado en Huelva e fundador de Los Contentos, grupo pioneiro do garage galego a finais dos oitenta. A súa traxectoria foi breve e, malia que agora o seu legado está máis reivindicado, continúan a ser un grupo de culto bastante descoñecido.


Malia que esta obra de referencia versa sobre os festivais de música a nivel estatal e mesmo internacional, Galicia e os seus festivais aparecen bastante representados nas súas páxinas, e non para ben: pago de cachés máis altos do habitual, subvencións a dedo por parte das administracións públicas…

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.