CASAACUNHA

Do humor á traxedia en cuestión de minutos con Casa O’Rei

O pasado venres 2 e o sábado 3 tivemos a ocasión de gozar da estrea no Auditorio do Concello de Vigo do espectáculo ‘Casa O´Rei’ da compañía galega Ibuprofeno Teatro. A peza, que ten todos os ingredientes para ser unha comedia chea de humor, acaba por se converter nunha gran traxedia. O éxito da obra é que consegue que o espectador pase da risa á agonía en cuestión de minutos.

Toda a acción de Casa O’Rei acontece nunha cociña | Ibuprofeno Teatro

Un patriarca nas últimas ten que ceder os seus poderes en favor dunhas fillas que non cumpren as súas expectativas; unha casa de comidas cun receitario tradicional e os problemas que ten para adaptarse ás esixencias da nova cociña; un novo público de economía precaria que prefire a comida rápida e os produtos conxelados antes cun lacón con grelos ou unhas patacas de Xinzo… Todos os elementos semella que orientan a unha comedia coa que rir a gargalladas durante unhas horas. Mais esta obra é camaleónica e complexa e esconde moito ó espectador que verá como se desenrola ate converterse nunha traxedia.

Santiago Cortegoso tece este fantástico texto mediante un discurso que aumenta de intensidade, tanto dramática como léxicamente, co paso das escenas. Unha obra que igual que a súa predecesora ‘Raclette’, comeza por somerxer ós espectadores nunha atmosfera cómica con diálogos cheos de coloquialismos e sorna, para máis tarde golpearlle directamente ó corazón. Unha peza moito máis agresiva, explicitamente máis violenta pero tamén moitísimo máis cómica no comezo que as súas compañeiras de triloxía. Esta peza enxalza os elementos que levaron a esta compañía a ser un éxito de público e a constituír unha linguaxe propia integrada fielmente no traxicómico.

Banner A Movidiña

No escenario os actores conviven con catro estruturas móbiles e intercambiables que permiten recrear as distintas estancias do restaurante. Estes elementos modifícanse en numerosas ocasións durante a peza pero representan cambios mínimos a ollos do espectador. Tamén temos un pequeno acuario ó que se lle abre unha billa que perde auga progresivamente durante a derradeira parte da peza e que tamén simboliza ese afogamento que sofren as mulleres no propio espazo e a perda progresiva do ambiente cómico inicial ata o escenario máis tráxico.

O traballo do elenco é destacable xa que os actores amosan un control da intensidade que lles permite chegar ó final coa mesma forza que no comezo. Destacable é, especialmente, a actuación feminina na obra. Teté García, Marián Bañobre e Victoria Teijeiro fan que os personaxes femininos sexan marcadamente individuais pese a pertencer a mesma realidade familiar e sufrir as mesmas limitacións, xa que este pequeno restaurante logra atosigalas ata os mesmos límites dunha maneira case lorquiana. Porén, non podemos esquecer o traballo de Víctor Mosqueira, Xosé M. Esperante e un impresionante Miguel Borines que representan esa opresión masculina e que protagonizan algunhas das escenas máis impactantes da peza.

En resumo, a compañía galega proporciónanos a derradeira pílula dunha triloxía gastronómica sobresaínte. Unha obra que amosa a inestabilidade das estruturas familiares construídas no silencio, a dureza da presión familiar ás novas xeracións, os conflitos internos individuais e a xenreira que nace da desigualdade e a opresión.

The following two tabs change content below.
É graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente cursa un máster dedicado a formación e investigación literaria e teatral no contexto europeo na UNED. Ten coñececementos de varias linguas, participa e dirixe iniciativas culturais, colabora con distintas editoriais e participa en xurados de premios literarios. Na súa bitácora persoal 'Palabra de Gatsby' exerce a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras. www.palabradegatsby.com